Davila a Rajoy: "Resolva o problema das preferentes porque son probes aforradores"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse hoxe no pleno ao Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, para demandarlle contundencia coa UE e unha solución de verdade para as persoas estafadas polas participacións preferentes e subordinadas.

“Señor Rajoy, sexa contundente con Europa, e resolva o problemas das preferentes porque son probes aforradores”, espetoulle a Rajoy, quen comparecía despois dun mes de ausencia no Pleno para dar conta do último Consello europeo.

Axudan ao sector financeiro con malas prácticas mentras afogan á poboación

A deputada do BNG fixo unha primeira alusión a Chipre para enfatizar que destacou “a insolidariedade europea” que quedou patente nos Acordos acadados para o Estado chipriota. “Vosté dixo que non se podían facer préstamos porque sería como premiar malas prácticas. Máis, a UE acorda axudas para salvar a ese sistema financeiro que tivo malas prácticas mentras afogan á poboación chipriota como fixeron coa portuguesa, a grega e tamén a do Estado español”.

Recoñecemento dun fracaso: a zona euro a única que se mantén en recesión

Davila sinalou na súa intervención no Pleno que “falar do Consello Europeo é falar da retórica da UE. Son pura retórica e logo está a Europa que manda”. A parlamentar nacionalista subliñou que “vosté fixo un repaso hoxe dos Consellos europeos e foi doado concluir que son pura retórica. A UE nun ano non fixo nada absolutamente”. E enfatizou que o poder está verdadeiramente en Alemaña, “a UE que manda é a de Merkel”.

A deputada do BNG reprochou a Rajou que “non fixera nada para facer fronte á UE porque comparte este modelo. Dálles igual que as políticas que aproban sexan letais”. Resaltou Davila que Rajoy estivese “máis moderado” nas súas análises, “non tivo o mesmo ímpetu nen o mesmo optimismo doutras veces”. Incluso, salientou, “vosté dixo hoxe que a zona euro é a única que se mantén en recesión. Entón debería recoñecer que é polas políticas da UE que están a provocar probeza”. Neste sentido, a portavoz do BNG reclamou un cambio real porque “non é cuestión de retoques”.

Acusou á UE e ao Presidente do Goberno español de “rendir culto á usura e á desigualdade. Fan unha economía ao servizo do sector financeiro e non ao servizo das persoas”.

Rematou demandando a Rajou que “sexa contundente con Europa, e resolva o problema das preferentes porque son probes aforradores”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG