XERAIS 2019

Carme da Silva reivindica unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e explotacións gandeiras do Deza-Tabeirós

A cabeza de lista amosouse convencida de que o BNG é a opción mellor situada para gañar o escano en liza por Pontevedra á dereita de Vox e Ciudadanos

Carme da Silva reivindica unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e explotacións gandeiras do Deza-Tabeirós

O BNG reivindicou no encoro de Portodemouros en Vila de Cruces unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar o prezo da enerxía ata un 30% tanto para as familias, as industrias como para as empresas galegas, en concreto para as explotacións gandeiras do Deza-Tabeirós. A cabeza de lista por Pontevedra para as eleccións 28A, Carme da Silva, comprometeuse a que unha das primeiras iniciativas do BNG unha vez sexa determinante no Congreso centrarase na aprobación dunha tarifa propia. Segundo subliñou, “non hai dereito a que o país teña os ríos inzados de encoros e as terras inzadas de aeroxeneradores mentres os galegos e galegas pagan os prezos máis altos do Estado”.

A nacionalista explicou que no caso concreto da comarca do Deza-Tabeirós-Terra de Montes as explotacións gandeiras tamén se deberían considerar empresas electrointensivas, xa que unha parte fundamental do seu consumo é o consumo eléctrico do muxido e da refrixeración, facendo que os custes da produción apenas estean cubertos polo prezo de venda do leite.

Da Silva destacou que o que está a pasar coa enerxía en Galiza só ten un nome: espolio. “En ningún momento se pode falar de ‘exportación’ de enerxía, xa que cando un produto se exporta hai un beneficio a cambio”, dixo, e fixo fincapé en que a tarifa galega pode ser un elemento diferencial clave para favorecer a instalación e creación de empresas e de postos de traballo en Galiza e axudar ao noso desenvolvemento económico. 

A candidata destacou que Galiza quere seguir o exemplo dos vascos, que dispoñen dunha tarifa propia despois de negociala co goberno de Rajoy. “Non pode ser que alí si e aquí non só porque o presidente da Xunta non a queira por motivos partidarios”, explicou Da Silva. 

“Nós temos o país cheo de encoros, minicentrais e eólicos, soportamos o impacto ambiental, producimos enerxía para o resto do Estado e ao final pagamos a luz máis cara aquí do que a pagan en Madrid, onde non producen apenas nada”, insistiu, para evidenciar os datos: Madrid xera 1.223 Gwh e Galiza 26.369 Gwh., un 40% máis. “Que país normal, con dous dedos de frente e con preocupación pola súa xente, non poñería isto en valor a favor do seu desenvolvemento económico e social?”, cuestionou.

Por último, Da Silva destacou o seu convencemento de que o BNG terá representación en Madrid despois do 28A. Subliñou que a cidadanía está aportando moita ilusión e “empurrando” para que volva haber unha voz que defenda iniciativas como a da tarifa propia no Congreso. Apuntou, así mesmo, que no debate realizado onte entre as principais forzas madrileñas “en ningún momento se falou de Galiza nin dos seus intereses, como nesta última lexislatura se fixo no Congreso nin no discurso de investidura de Rajoy ou Sánchez”.

Subliñou que existe un ‘efecto BNG’ que fará que o Bloque rebente as enquisas como xa o fixo hai dous anos nas eleccións galegas, cando os inquéritos prognosticaban entre 0-1 parlamentarios e acadouse un grupo con seis escanos. “Nesta campaña imos cada día a máis, notámolo na rúa. A xente estanos reforzando e seremos quen de frear á dereita”, subliñou, para engadir que o voto BNG vale dobre: defende a Galiza e evita que o escano que se está a disputar en Pontevedra vaia para o “trifachito de Colón nun contexto excepcional, un momento político especial, no que sería un erro histórico que Galiza non estivese presente na Cortes”. 

Carme da Silva reivindica unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e explotacións gandeiras do Deza-Tabeirós