Parlamento Galego

BNG urxe un Plan de Fomento Industrial para reverter o “claro deterioro” do sector nos 16 anos do PP na Xunta

Brais Ruanova
Brais Ruanova

Brais Ruanova asegura que Galiza non pode resignarse a ser un territorio espoliado en vez de aproveitar aquí o valor engadido dos seus recursos

O portavoz de Industria do BNG, Brais Ruanova, defendeu no Parlamento galego o impulso dun Plan de Fomento Industrial que permita construír un tecido produtivo “sólido, creador de emprego de calidade, xerador de coñecemento, e que sirva como motor das transicións tecnolóxica e ecolóxica en Galicia”. “Galiza non pode resignarse a ser un territorio espoliado”, afirmou.

Segundo sinala Ruanova, “a situación da nosa industria non é, nin moito menos, para tirar foguetes”, xa que os principais indicadores económicos amosan un “claro deterioro” do sector ao longo dos últimos 16 anos de goberno do Partido Popular:

Ruanova referiuse en concreto á perda de 20.400 empregos na industria manufactureira desde 2008, segundo o INE, á caída do 29,2% no número de empresas industriais entre 2009 e 2024,  á redución do Valor Engadido Bruto industrial en máis de un punto desde 2008 ou o descenso do Índice de Producción Industrial (IPI), que pasa de 106,085 (decembro 2008) a 95,701 (abril 2025), segundo o IGE.

Para o BNG, estes datos evidencian que o modelo impulsado pola Xunta só afonda na “dependencia extractivista e nun papel subalterno para Galicia no reparto internacional do traballo”. “Estamos a converter Galiza nun país onde se extraen recursos que logo se transforman fóra, en vez de aproveitar aquí o seu valor engadido”, denuncia o deputado nacionalista.

Un plan de fomento industrial estruturado en tres eixos

A proposta do BNG preséntase como unha iniciativa ampla e de País, estruturada en tres grandes eixos: diálogo e consenso para a planificación industrial, transición tecnolóxica e impulso aos sectores produtivos, e o uso eficiente dos recursos públicos.

En canto ao primeiro, o Bloque aposta por impulsar, a través do Consello Económico e Social (CES), a elaboración dun Plan Galego para o Fomento da Actividade Industrial e Tecnolóxica. “Quen mellor que este organismo para asesorar e marcar unha folla de ruta de cara ao incremento do noso PIB industrial”, sinalou Ruanova, remarcando que o PP o fixo caer desde 2008, “incidindo aínda máis na terciarización da nosa economía e a precarización do traballo”.

O BNG tamén propón a creación de mesas sectoriais específicas para sectores estratéxicos, como o da automoción, que permitan identificar necesidades e prioridades do sector en coordinación co resto de sectores.

Con respecto ao apartado da transicion tecnolóxica e impulso dos sectores produtivos, Ruanova recalcou a aposta por unha tarifa eléctrica galega para abaratar custos e mellorar a competitividade sen precarizar condicións laborais.

Neste eixo, o BNG tamén achega propostas concretas para os sectores da mobilidade e da súa transición, do sector naval e a súa blindaxe,  e do forestal, promovendo as liñas de máis valor engadido que —segundo dixo— pode haber no piñeiro e nas frondosas no sector do deseño e da construción, fronte ao modelo do da macrocelulosa Altri.

O deputado nacionalista non quixo esquecer a necesidade de reforzar o investimento que a Xunta destina a I+D+i, “para que a carreira deixe de ser sinónimo de precariedade”.

Por último, o portavoz de Industria do BNG asegurou que “hai que darlle unha volta a como se usan os recursos das galegas e dos galegos”. Neste sentido, a aposta do Bloque contempla medidas sobre a efectividade no territorio dos fondos de transición xusta, así como a creación de cláusulas contra a deslocalización nas subvencións públicas.

Nese punto, e despois da “lamentable” xustificación que deu o PP no pasado Pleno para non aceptar medidas contra o uso fraudulento dos recursos públicos, Ruanova emprazou os populares a “explicarlle á cidadanía por que se opón a que os recursos públicos teñan unha contrapartida real na economía e na sociedade galega”.

Con esta iniciativa, o BNG busca “establecer os alicerces dun pacto de país pola industria, que reverta a situación actual e aproveite o talento e os recursos galegos en beneficio do desenvolvemento sostible, o emprego digno e a soberanía produtiva”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG