Congreso

BNG urxe o Goberno a manter os bonos e garantir un sistema de transporte ferroviario accesíbel e adaptado á realidade galega

Néstor Rego
Néstor Rego

Ante a inquedanza das persoas usuarias, Néstor Rego reclama a prórroga dos bonos gratuítos até finais de ano e a implantación dun novo sistema xusto e accesíbel

O BNG exixe reforzar os servizos ferroviarios na Galiza e cumprir os compromisos sobre a implantación das cercanías

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de reclamar a prórroga dos bonos gratuítos de transporte ferroviario máis alá do 30 de xuño e garantir que o novo sistema de bonificacións e tarifas responda ás necesidades reais da poboación galega. A formación nacionalista exixe ao Goberno cumprir os compromisos acadados co BNG e mellorar o servizo ferroviario na Galiza con máis frecuencias e máis liñas, así como axilizar a implantación as cercanías ferroviarias.

Rego advirte da “inxustificábel incerteza” xerada polo Ministerio ao anunciar o fin da vixencia dos bonos gratuítos sen presentar alternativas claras para os milleiros de usuarias e usuarios que empregan o tren a diario na Galiza. “Os bonos gratuítos demostraron ser unha medida eficaz para fomentar o uso do tren, retirar vehículos das estradas e contribuír á loita contra o cambio climático. O Goberno non pode deixar sen resposta ás persoas que dependen deste medio de transporte” sinala.

O deputado nacionalista reclama que se manteñan as bonificacións actuais até finais de ano, mentres non se implanta un novo modelo, e propón unha fórmula mixta: gratuidade para colectivos vulnerábeis, estudantes, persoas xubiladas ou viaxeiros e viaxeiras recorrentes, e tarifas competitivas para o resto da poboación. “É imprescindíbel que o novo sistema combine xustiza social e incentivos reais para seguir a usar o transporte colectivo” subliña.

Así mesmo, o BNG denuncia a falta de frecuencias e prazas suficientes nos servizos ferroviarios na Galiza, en especial no Eixo Atlántico, nas horas de maior demanda, tanto de mañá como de tarde. “É ilóxico pretender fomentar o uso do tren se despois non hai trens nin horarios axeitados para ir traballar ou estudar”, critica Rego, quen insta o Ministerio a reforzar os servizos e cumprir os compromisos asumidos no Acordo de Investidura coa implantación de cercanías ferroviarias no país.

“O transporte público, e en particular o ferroviario, debe ser unha prioridade da política estatal, tamén na Galiza. Non abonda cun billete único que podería chegar en 2026; cómpre actuar xa para non botar por terra os avances conseguidos” enfatiza o deputado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG