BNG reclama a exclusión da frota artesanal do Regulamento Europeo de Control da Pesca polo grave impacto no sector

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez pide realismo e sentido común xa que non se pode afogar a frota artesanal con burocracia e obrigas pensadas para grandes buques

A portavoz de Mar do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, alerta das nefastas consecuencias que o Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea ten para o sector galego, con  burocracia e obrigas moi difíciles de asumir, especialmente para a frota artesanal.

A deputada nacionalista pide realismo e sentido común á hora de regular estas embarcacións, con obrigas que “nos prexudicarán aínda máis” –advirte– a partir de 2030, data na que se estenderán a todos os barcos  de menos de nove metros, que constitúen a maioría dos de marisqueo a frote.

 “Este non é un regulamento nin para a nosa frota artesanal nin para as nosas rías. Está pensado para outro tipo de barcos máis grandes e non recoñece a realidade do noso sector”, advirte, recordando que tanto o PP como o Psoe foron os que aprobaron este regulamento e, por tanto, deben agora,  coa súa maioría, levar a cabo o que dende o BNG sempre esixiu: “excluír a frota artesanal desta norma e, mentres, adaptala para que a frota artesanal galega non desapareza, que ao mellor é o que queren o PP e o Psoe”, declara.

Para Pérez é imprescindible ademais reformular todo o sistema de infraccións e de sancións establecido porque pode provocar que calquera incumprimento os deixe sen axudas de fondos europeos.

É por iso que o BNG xa presentou iniciativas no Parlamento para reclamarlle ao Goberno de Rueda que exerza as súas competencias exclusivas en augas interiores e defenda as súas propias normas de control.  Pídelle tamén que demande ao Executivo estatal negociar coa Comisión Europea a exclusión da frota artesanal das obrigas deste regulamento, que non ten en conta a realidade e singularidade das frotas de baixura galegas.

Unha frota de máis de 3.500 barcos, a maioría de menos de 12 metros de eslora, que, lembra a deputada, leva moito tempo pedindo un trato específico dada a súa singularidade, as características da súa actividade, respectuosa co medio, así como os beneficios que dela se derivan nas poboacións costeiras, onde contribúe á súa dinamización económica, á fixación da poboación e á xeración de emprego.

 O BNG apoia as mobilizacións do sector que desde comezo de ano se están a dar por todo o País e que continúan este luns en varias vilas e cidades da costa galega para rexeitar, entre outras cuestións, a norma sobre o diario electrónico, que obriga aos barcos de menos e 12 metros de eslora a anotar as capturas, independentemente do seu peso.

O diario electrónico “resulta inasumible para as frotas de baixura”, apunta Rosana Pérez, para quen “a obriga de ter que facer oito comunicacións por xornada é unha carga burocrática que a frota non pode asumir por lles dificultar o normal desenvolvemento da actividade pesqueira”.

A deputada nacionalista critica así mesmo, por pouco “realista”, a obriga de ter que comunicar a chegada a porto cunha antelación mínima de catro horas e media —o que propón a UE— nin tampouco cunha antelación de dúas horas e media —o que intenta negociar o Ministerio de Pesca—. A maioría dos barcos de baixura faenan a media hora da costa e dependen das condicións meteorolóxicas, explica Pérez, subliñando que “son normas feitas para grandes buques e que nada teñen que ver coa actividade que desenvolven as frotas artesanais”.

“A día de hoxe, xa se cumpren numerosísimas normas de control. Pero o que non é viábel é obrigalos a ter un diario electrónico a bordo en barcos nos que é imposible ter sistemas de pesados rigorosos”, recalca.

Ademais, Pérez declara que os despachos de Bruxelas e de Madrid deberían ter en conta as características e especificidades das frotas artesanais. “Non se pode encher de burocracia a un sector pesqueiro de baixura no que a tripulación a bordo é escasa e onde os propios patróns tamén son mariñeiros”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG