BNG reclama o desbloqueo da transferencia da AP-9 no Congreso

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego urxe o Goberno do Estado a finalizar a concesión e a rescatar a autoestrada do Atlántico para que sexa “galega e libre de portaxes”, tal e como a sociedade galega reclama

A frente nacionalista solicita as alegacións presentadas polo executivo estatal ante a Unión Europea despois de que esta declarase ilegais as prórrogas de gobernos de PSOE e PP que levaron até 2048 unha concesión que tería que ter finalizado en 2013.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a PSOE e PP desbloquear a tramitación no Congreso do Proxecto de Lei para a transferencia da AP-9 á Galiza e completar o procedemento co texto aprobado pola unanimidade do Parlamento de Galiza. A frente nacionalista tamén exixe rematar coa concesión da Autoestrada do Atlántico despois de que a Unión Europea declarase ilegais as prórrogas de 10 e 25 realizadas por gobernos de PSOE e PP, para conseguir unha “AP-9 galega e libre de portaxes”.

En febreiro de 2021, o Congreso aprobaba a toma en consideración da Proposición de Lei que trasladaba o Parlamento de Galiza -a partir dunha iniciativa defendida polo BNG- para a transferencia da Autoestrada do Atlántica á Administración Galega. Naquel momento, comezaba na cámara baixa a tramitación mais, dous anos despois de se aprobar a toma en consideración, a tramitación da Lei está paralizada por parte do PSOE “coa conivencia do Partido Popular, mesmo tendo rexistrado ambos os grupos parlamentares emendas que modifican substancialmente o texto da Proposición de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego” e negándose a convocar a ponencia para o seu debate e votación.

“PSOE e PP teñen a responsabilidade de desbloquear a tramitación da Lei de Transferencia da AP-9 e o Goberno español debe proceder a finalizar a concesión e a rescatar esta autoestrada para que sexa galega e libre de portaxes, tal e como a sociedade galega leva moito tempo reclamando” sinala o deputado do BNG, Néstor Rego.

 Para o deputado nacionalista, esta situación é inaceptábel. “Débese completar o proceso de transferencia xa que responde á vontade do pobo galego expresada na unanimidade da cámara galega e, por tanto, debe ser aprobada tal e como saíu do Parlamento” afirma o deputado do BNG.

Paralelamente á transferencia desta infraestrutura á Galiza, Rego urxe liberar a AP-9 da concesión e, por tanto, das portaxes. Neste sentido, cabe lembrar que a Unión Europea declarou ilegais as prórrogas concedidas por un goberno socialista, de 10 anos, e por outro popular, de 25 anos, a unha concesión que remataba en 2013. “Levamos pagado ilegalmente desde 2013 a 2023, xa 10 anos, unha infraestrutura que debería de ser pública, de xestión pública e gratuíta” defende.

“O primeiro que faremos será reclamar ao Goberno español que nos facilite as alegacións que realizou diante da Unión Europea mais tamén reclamar que, canto antes, pase a pór fin á concesión e o rescate desta infraestrutura fundamental para o noso País e para o desenvolvemento social e económico da Galiza” salienta o deputado do BNG. A autoestrada do Atlántico, recorda Rego, une toda a zona en que se concentra a maior poboación e a maior parte da actividade económica do País.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG