BNG reclama ao Goberno rectificar a decisión de reducir o consumo de peixe nos comedores escolares

Encontro CONXEMAR
Encontro CONXEMAR

Néstor Rego, Carmela González e Rosana Pérez trasladan a CONXEMAR as iniciativas rexistradas en defensa do sector do mar e unha alimentación equilibrada e saudábel

O BNG urxe o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 a atender as alegacións do sector pesqueiro e modificar as pautas que recomendan a redución das racións de peixe semanais, parte básica da dieta na Galiza

Representantes do Bloque Nacionalista Galego manteñen unha reunión con Isabel Cañas e Antonio Recuna, de CONXEMAR, para trasladar as iniciativas que vén de rexistrar en favor dos intereses do sector pesqueiro na Galiza. No concreto, Néstor Rego, Carmela González e Rosana Pérez fan fincapé na necesidade de que o Ministerio de Consumo rectifique a súa posición e modifique o proxecto de Real Decreto que recomenda a redución nas racións de peixe semanais nos comedores escolares por entender que se trata dunha decisión que non ten en conta as especificidades do noso País e que prexudica non só o sector pesqueiro senón tamén o obxectivo dunha alimentación sá e balanceada. Na Galiza, sinalan ambos representantes do BNG, o peixe é parte básica da dieta e constitúe o incentivo da economía local.

As intencións do actual responsábel da carteira de Consumo, reveladas en recentes declaracións, son as de recomendar a redución do consumo de peixe, o que limitaría a unha pauta de entre unha e tres racións semanais. “Isto colide coas propias recomendacións da Axencia de Seguranza Alimentar e Nutrición (AESAN) -dependente do mesmo ministerio- que falan de entre 3 e 5 racións e cos estudos da Autoridade Europea de Seguranza Alimentar” sinala o deputado nacionalista no Congreso .

Ademais, engade a frente nacionalista, o Real Decreto supostamente “apostará polos circuítos de produción a pequena escala e os alimentos de proximidade, incentivando as economías locais e a sustentabilidade, medida que, cando menos no caso da Galiza, pasa necesariamente por recuperar e incrementar o consumo de peixe e produtos do mar, algo que vai dificultar o Ministerio ao propor unha pauta de entre 1 e 3 racións”.

“É paradoxal recomendar alimentos de proximidade e despois limitar o consumo de peixe cando na Galiza os produtos do mar son parte esencial da cesta da compra e das economías locais” subliña Néstor Rego. Para a organización nacionalista, o Ministerio de Consumo debería rectificar esta intención e modificar a pauta para o consumo de peixe nos comedores escolares.

Así mesmo, a deputada no Parlamento da Galiza, Rosana Pérez, anunciou o rexistro dunha nova iniciativa para que a administración galega se dirixa ao Goberno do Estado instándoo a rectificar. Pola súa parte, a deputada Carmela González sostivo que a Xunta debe garantir que se cumpran as pautas estabelecidas, o que até agora non sempre acontece, para garantir unha alimentación de calidade ás crianzas galegas.

Apoio do BNG para baixar o IVE do peixe a 0%

A organización nacionalista tamén traslada á representación de Conxemar as reiteradas iniciativas presentadas nas institucións onde ten representación para reclamar que o peixe e os produtos do mar teñan unha redución do IVE a 0%, tal e como demanda o propio sector. “O peixe ten un IVE superior se o comparamos con outros produtos alimentarios básicos. Un tipo impositivo que dificulta o acceso a unha alimentación de calidade a moitas familias” enfatiza Rosana Pérez.

“O BNG seguirá a reclamar a redución ao IVE do 0% porque entendemos que é unha medida que favorecerá o consumo e o incremento das vendas, beneficiando á saúde das persoas e ao sector” acrecenta Carmela González.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG