BNG reclama ao Estado celeridade na execución do Corredor Atlántico de mercadorías

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda ao Ministerio de Transportes acabar coa discriminación histórica que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, após coñecer que só está executado 5% do orzamentado desta obra

O deputado nacionalista urxe a “pisar o acelerador” para cumprir os prazos de execución comprometidos polo Goberno do Estado e rematar a obra canto antes

Os datos disponíbeis sobre a execución do Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías preocupan o Bloque Nacionalista Galego por entender que esta infraestrutura non finalizará en 2025. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de iniciativas na cámara baixa para demandar ao Goberno do Estado que cumpra o seu compromiso e estabeleza un calendario concreto para a execución das obras. A frente nacionalista pretende acabar coa discriminación histórica que sofre a Galiza e que se actúe de maneira inmediata nunha infraestrutura tan importante para o desenvolvemento social e económico do País que, para alén do máis, permitirá avanzar na transición enerxética.

O Corredor Atlántico dos camiños de ferro formará parte da rede básica da Rede Transeuropea de Transporte e, xunto co Corredor Central e Mediterráneo, será unha das principais redes de transporte da península ibérica, tanto para persoas usuarias como para as mercadorías. Permitirá a conexión co resto de Europa, posto que o principal obxectivo das obras é implantar o ancho métrico internacional -para a súa compatibilidade coas vías europeas- e a electrificación das vías.

A execución orzamentaria do Corredor Atlántico, infraestrutura chave para o desenvolvemento social e económico da Galiza, só chega a 5%. “A previsión inicial era finalizar esta actuación en 2025, mais agora forzas políticas, sociais e económicas do noso País denuncian que non vai estar finalizada nin en 2030 porque todos os esforzos do Ministerio e do Goberno español se centran na execución do Corredor do Mediterráneo” salienta o deputado do BNG.

Para a organización nacionalista, esta é unha mostra máis do desinterese do Goberno do Estado para cumprir coa Galiza e acabar coa discriminación histórica que sofre a Galiza en materia de infraestruturas. “O executivo debe de estabelecer un calendario para a execución desta obra e non retrasala nin un minuto máis. Por iso presentaremos iniciativas no Congreso para exixir, diante da pasividade do Goberno, que pise o acelerador e cumpra co prometido” apunta Rego, que fai referencia ao obxectivo de ter rematada a obra canto antes.

En opinión do deputado do BNG, o Goberno do Estado está moito máis pendente do que acontece noutras partes do Estado español, mostrando maior implicación e compromiso con outras infraestruturas similares, como o Corredor do Mediterráneo, ou investimentos en lugares que xa contan cun grao de desenvolvemento das infraestruturas viarias ou ferroviarias moito maior do que a Galiza.

De facto, os datos de execución orzamentaria de 2021 son un exemplo do desinterese por parte do executivo estatal coa Galiza, a pesar de que estes orzamentos foron os máis baixos en 17 anos para o País, pois hai que lebrar que baixaran 11% e supuñan aínda 104 millóns de euros menos dos anteriores do Partido Popular en 2018. Mentres que a execución orzamentaria na Galiza foi de 67.2%, en Madrid chegou até 184%. “É dicir, ao remate do exercicio foron proporcionadas á Comunidade de Madrid partidas que case dobran as inicialmente orzamentadas en canto no caso da Galiza fica en dous terzos da cifra aprobada nos Orzamentos” sinala Rego.

“O Goberno do Estado debe cumprir as promesas e compromisos acadados. Hai que acabar dunha vez coa etapa en que o executivo estatal -goberne PP ou PSOE- discrimina a Galiza” conclúe o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG