parlamento galego

BNG propón a remuda xeracional da frota galega coa aprobación dun plan de actuación con fondos propios da Xunta e aumentando as axudas

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez afirma que coas  actuais axudas, a renovación na frota  produciríase en 300 anos e pide un esforzo á consellería do Mar para reverter a situación “modificando a orde de axudas” e incrementado   a súa contía

A deputada e portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez defendeu no Parlamento galego, “aprobar un plan de actuación”, nun prazo de seis meses  e acompañado de recursos da Xunta de Galiza para renovar, paulatinamente, as embarcacións e idade da  frota galega.

Tras explicar que as actuais axudas “son insuficientes” a deputada  reclamou máis recursos porque os  500.000 euros iniciais,  foron reducidos este ano a 300.000 e para acceder a elas, estre outros requisitos o buque adquirido debe ter unha eslora inferior a 24 metros e entre 5 e 30 anos de antigüidade. Ademais,  e as persoas solicitantes, deberán ter “menos de 40 anos”.

Rosana Pérez cualificou de “ridícula” a cantidade de 300 mil euros para  un segmento que segundo o informe anual da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, integra a  3.956 buques dun total de 4.232.

Estes datos, a xuízo da deputada,  confirman que o  o 93,4% das embarcación  teñen unha eslora inferior a 24 metros e deles, 3.640  menos de 12 metros.

Coas actuais axudas a frota tardará 300 anos en obter resultados na remuda xeracional

Os 300.000 euros que lle dedican a estas axudas supoñerían entre 5 e 10 persoas beneficiarias cada ano, estimando o prezo dunha embarcación de segunda man de menos de 12 metros de eslora entre 30 e 60.000 euros. É dicir, recalcou a deputada,  “a este paso conseguiríamos renovar a frota e obter resultados na remuda xeracional dentro de máis de 300 anos”.

Por outra parte, engadiu a nacionalista,  os requisitos son  excesivamente “estritos e limitativos”, como impedir a compra dun barco de segunda man de menos de 5 anos ou establecer unha idade máxima de 30 anos para os buques que se poden mercar que nun primeiro momento podería   parecer unha medida para deter o envellecemento da frota pero en  realidade na actualidade  máis da metade da frota xa ten máis de 30 anos e 1/3 dela  máis de 40. Polo tanto, esta medida tampouco inflúe decisivamente para a  súa “renovación”.

A deputada tamén se referiu aos impedimentos das compañías aseguradoras con consecuencias “indesexables” para o mariñeiros como negarase a asegurar embarcación de  certa idade.

A propia Orde de axudas, recoñece que “o sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa comunidade que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco Estratéxico Común  aproveitando ao máximo os fondos deste Marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso … aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentábel e respectuoso co ambiente”. Pero aproveitar ao máximo as posibilidades e os fondos para conseguir un sector competitivo resulta “unha ironía” e non é posible se a consellería do Mar destina  300 mil euros que limitan as axudas.

O BNG propón modificar os requisitos das axudas para evitar o envellecemento da frota

A parlamentaria do BNG explicou que o novo FEMPA 2021-27 marca como un dos seus obxectivos facilitar a remuda xeracional e  Galiza “vai recibir nese período 366 millóns de euros”. Este ano xa finalizou o prazo de presentación de solicitudes, pero aprobar esta iniciativa tería efectos nas seguintes convocatorias e por iso propoñemos “modificar os requisitos da Orde de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentábel para tripulantes e, sobre todo, incrementar o crédito orzamentario para, “evitar que a nosa frota  envelleza e desapareza”.

Entendemos, recalcou a nacionalista,  que a nosa  proposta é “real, razoábel e asumible pola administración” destinataria de 366 millóns de euros de fondos europeos nos próximos anos e que ademais evitaría, tal e como vén ocorrendo dende hai anos, que “quedaran fondos sen executar e que  acaben tendo que ser devoltos por non utilizalos”.

O PP deixa  ao pairo á frota galega e impide a incorporación de xente nova

Tras a intervención da portavoz popular, María Elena Suárez Sarmiento que coincidiu coa deputada nacionalista na necesidade dunha remuda xeracional na frota galega,  pero defendeu a orde de axudas a pesar de “seren insuficientes”, a deputada do BNG afeou a intervención da portavoz do PP e criticou que os primeiros sete minutos dos dez para responder podía, dixo “aforralos” porque estiveron trufados de argumentos “de fondo de armario” pero non aportaron ningunha alternativa ao grave problema xeracional da frota galega.

Rosana Pérez lamentou que o PP persista nunha política “errática” e non amose a súa disposición a “modificar a orde de axudas”. Dende o BNG, sinalou Rosana Pérez, , consideramos que a xente nova debe ter incentivos para dedicarse a actividade do mar e o PP continúa poñendo “moitas trabas”.

A proposta do BNG que contou co apoio do Partido socialista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular. 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG