BNG propón aumentar o cadro de persoal do IMELGA e crear equipos psicosociais para axilizar e mellorar a resposta xudicial

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés pide á Xunta que desbote a externalización de informes, unha alternativa xa fracasada no pasado e que deturpa as funcións do Instituto  

BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta incremente o cadro de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galiza (IMELGA) e cree novos equipos psicosociais nas súas distintas subdireccións territoriais co obxectivo de axilizar e mellorar a resposta xudicial.

Nunha pregunta ante a comisión parlamentaria de Administración Xeral, Xustiza e Interior, o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, mostrou a preocupación do BNG pola lentitude na emisión de informes, segundo afirmou, debido á ausencia de medios. “Nas subdireccións da Coruña, Lugo, Santiago ou Pontevedra estase a demorar máis dun ano a emisión de informes psicosociais; un informe de valoración de dano corporal tarda 6 meses en tramitarse”, advertiu, logo de destacar o importante papel que xoga o IMELGA nos procedementos xudiciais, como órgano encargado de prestar asistencia técnica a fiscalías e órganos xurídicos e, agora tamén, a particulares con lesións provocadas en accidentes de tráfico.

Tabarés advertiu que os órganos xurisdiccionais están a recorrer a unha pericial xudicial externa, no canto de solicitar a intervención do Instituto, porque este carece de persoal suficiente, tanto forense como de equipos psicosociais e persoal administrativo, e porque existe unha evidente falta de organización dos recursos actualmente existentes.

“Así, e incumprindo o decreto, existen partidos xudiciais nos que a citación á ou ao forense realízana dende o propio xulgado ou mesmo o propio médico forense, cando o procedente sería que, acordada a emisión do informe, o órgano xudicial se dirixa aos servizos administrativos da subdirección correspondente para, á vista da axenda, proceder a cursar as oportunas citacións ás persoas a examinar”, explicou, para a continuación defender a necesidade de elaborar un protocolo de actuación ou funcionamento para dar correcto cumprimento á lei.   

Logo de alertar sobre anteriores e fallidas alternativas externas no pasado, o deputado nacionalista reclamou ao Goberno galego que desbote recorrer á externalización de informes para solucionar o problema de atasco existente. “Esta suposta solución xa foi posta en práctica no pasado e nin solucionou o problema, nin evitou a súa reprodución posterior, nin foi o medio máis eficiente de asistencia aos órganos xudiciais”, advertiu para engadir que unha decisión neste sentido suporía ademais “a deturpación” das funcións do IMELGA como órgano administrativo de asistencia técnica aos órganos xudiciais e fiscalías.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG