BNG propón alternativas para normalizar a Atención Primaria

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado recrimina ao PP o seu esforzo en dar carta de normalidade a obstaculizar a consulta presencial e ás listas de espera “ata na telefónica”

“Reclamamos atención presencial para todas, para todas, as persoas que a necesiten e a demanden”, recalca á bancada popular no debate parlamentario

Advirte que Galiza está á cola do Estado en investimento no nivel asistencial básico cun 12% do orzamento, máis de dous puntos por baixo da media 

BNG propuxo no pleno do Parlamento galego unha batería de medidas para normalizar a asistencia sanitaria na Atención Primaria e que pasan por garantir que “todas as persoas que o precisen e o demanden” teñan atención presencial. “Todas as que a precisen e a demanden”, aclarou á bancada popular a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, logo de defender tamén o establecemento de protocolos claros e unificados de aplicación para asegurar aforos seguros tanto para profesionais como para doentes e garantir de igual xeito a atención telefónica sen demoras, co aumento e mellora da rede e a dotación do número de profesionais precisos para responder ao aumento exponencial da demanda.

Prado tamén propuxo a modificación do decreto que regula as Áreas Sanitarias e os Distritos Sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos, así como a elaboración urxente do Plano de Ordenación de RRHH, para identificar as necesidades de persoal de cada colectivo e proceder á súa cobertura en todas as categorías, tanto nos centros de saúde como nos PACs.

A portavoz nacionalista de Sanidade reiterou a necesidade de incrementar o orzamento na Atención Primaria ata chegar ao 25% na presente lexislatura e destinar 200 millóns no inmediato ao seu financiamento. De igual xeito, avogou pola incorporación á carteira de servizos de categorías imprescindíbeis para prestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera, como profesionais da psicoloxía, a farmacia clínica, a terapia ocupacional, a logopedia, o traballo social ou a podoloxía.

Nesta mesma liña, defendeu a necesidade de facilitar o acceso a probas diagnósticas e pór en marcha a carteira de servizos propia para recoñecer o mapa de competencias de cada categoría profesional co obxectivo de que a Atención Primaria dispoña de persoal cualificado en cada categoría preparado para exercer a súa propia carteira de servizos e contribuír así a unha mellor calidade asistencia e a desconxestionar as actuais axendas.

Hai alternativas factibles ao falso relato do PP de que está facendo todo o posible

A deputada nacionalista advertiu de novo en sede parlamentaria que a “Atención Primaria galega estaba enferma de gravidade antes da COVID19” sometida dende o 2009 ao sangrado continuo dos recortes receitados polo PP e, logo da pandemia, “a consecuencia é unha Atención Primaria que agoniza”. Neste sentido recordou que Galiza sitúase “a cola en investimento en Atención Primaria de todo o Estado, cun 12% do orzamento, máis de dous puntos menos que a media e moi, moi lonxe do 25% que aconsellan todos os estudos especializados”.

Prado censurou a falta de interese do Goberno de Feixóo á hora de buscar solucións aos graves problemas que sofre o nivel básico da asistencia sanitaria, fundamentalmente polo déficit de recursos e profesionais. “Non substitúen as baixas laborais, nin as vacacións, nin os permisos, nin as xubilacións -no mellor dos casos faise con persoal eventual e de curta duración-; acoden ás intersubstitucións, que significa que un profesional fai o traballo de dous ou de tres e seguen sen mellorar melloran as condicións laborais, nin os contratos, nin as retribucións”, reprobou.  

“Tras 12 anos de acoso e derribo á Atención Primaria, o PP está agora empeñado en dar carta de normalidade ao que parecía imposible: obstaculizar a consulta presencial e que haxa lista de espera ata na telefónica”, recriminou, logo de reclamar ao Executivo do PP que deixe de poñer todos os seus esforzos en crear o relato de que está facendo todo o que se pode facer, cando non é verdade, cando existe un guión distinto e posíbel”.

Así, a portavoz de Sanidade considerou urxente implantar unha estratexia que permita normalizar a Atención Primaria “que non é o mesmo que volver á situación previa á pandemia, de masificación e axendas interminábeis, senón tomando medidas para dispor dos profesionais e recursos necesarios” e, con este obxectivo, foi explicando cada unha das propostas do BNG neste sentido. “O PP non ten ningún interese en mellorar a situación dun problema estrutural que vén de lonxe e que non fixo nada máis que agravarse”, concluíu ante ao veto do PP á moción nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG