BNG prioriza a recuperación económica e social, reforzar os servizos públicos, acabar coa estafa da luz e un novo modelo de financiamento

Pontón afirma que impulsar a recuperación económica é unha débeda coas persoas que nos deixaron pola COVID, os traballadores e traballadoras dos servizos públicos e as que quedaron sen emprego

Apela a un novo modelo de financiamento que non discrimine a Galiza e pide a Feixóo que rectifique porque "Galiza non pode seguir secuestrada pola estratexia do PP de Madrid"

BNG prioriza a recuperación económica e social, reforzar os servizos públicos, acabar coa estafa da luz e un novo modelo de financiamento

No acto de apertura do novo curso político, celebrado da cidade da Coruña, a Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o BNG dedicará todos os seus esforzos a impulsar a recuperación económica e social, reforzar os servizos públicos,  reclamar un novo modelo de financiamento que non discrimine a Galiza e unha tarifa eléctrica para acabar co estafa da luz.

A líder do BNG recalcou que a  COVID, deixa moitas ensinanzas, e sen dúbida unha delas é que  "non se trata de volver á vella normalidade, trátase de construír un futuro mellor". Neste momento, dixo, "Galiza xógase moito". Xogámonos a recuperación económica. Xogámonos reforzar os servizos públicos. Xogámonos frear a crise ambiental e converternos nun país cunha industria sostíbel e un referente na ciencia e na investigación, en campos como a biomedicina, investigación mariña e enerxías renovábeis.

Ana PontónPor outra parte, indicou que é  momento de "avanzar sen renunciar a ser quen somos, con orgullo de ter unha lingua propia que nos abre as portas a máis de 250 millóns de persoas no mundo."

Xogámonos que os mozos e mozas non teñan que volver emigrar e só  "gañaremos un futuro mellor confiando en Galiza, nas nosas propias forzas e potencialidades, e con solucións pensadas desde e para Galiza,  con criterios de equidade e xustiza social".

Contexto COVID

Afirmou que  xestionar unha pandemia non é fácil para ningún goberno. Son públicas as nosas propostas e ofertas de colaboración e diálogo.  A nosa actitude durante todo este tempo foi de máxima responsabilidade pero  a resposta que atopamos no Goberno do PP na Xunta foi "a soberbia, a falta de diálogo e o máis perigoso de todo: un goberno que improvisa, que minte e que cando hai un problema non busca solucións, só busca culpábeis".

Esta é a especialidade de Feixóo, "a propaganda e botar balóns fóra", e hoxe temos un goberno galego que leva 14 meses de "improvisación en improvisación" e usando Galiza como "un elemento máis da estratexia partidista do PP", esa é a  obsesión de Feixóo,  "poñer Galiza ao servizo da estratexia de Pablo Casado, e pensando que canto peor para Galiza mellor para o PP" e por iso pedímoslle a Feixóo que "rectifique esta tremenda irresponsabilidade, porque Galiza non poder estar secuestrada pola estratexia do PP en Madrid", reiterou.

Os galegos e galegas poden ter a seguridade que o BNG vai seguir traballando con sentido de país, con altura de miras e reclamaremos que cheguen a Galiza os  12.600 millóns de euros dos fondos europeos e sexan   usados para transformar a economía galega, reforzar os servizos públicos e evitar que unha nova xeración de mozos e mozas teña que emigrar, subliñou.

Ana PontónUn novo  modelo de financiamento que non prexudique a Galiza

O actual modelo de financiamento leva caducado desde 2014 e o Goberno do PP na Xunta non moveu un dedo para cambiar un modelo que é prexudicial para Galiza porque aportamos  ao Estado, cada ano, máis diñeiro do que recibimos, criticou Pontón. A última liquidación tributaria dispoñíbel  de 2018 indica que o Estado recadou na  Galiza a 13.132 millóns de euros. A cambio, ese ano recibimos do estado unicamente 8.158 millóns de euros.

Coa  negociación de Feixóo, Galiza perde un acumulado de máis de 9.000 millóns de euros nunha década e a chave dos nosos cartos está en Madrid, "e cando Madrid reparte, Galiza sempre perde". Feixóo, en vez de preocuparse por isto, demostra o  máis puro estilo Trump, seguindo as estrañas teorías de Arthur Laffer, e contándonos a brincadeira, de  que "vai baixar os impostos aos ricos porque  así vai a recadar máis".

Quizais por ese ultraliberalismo, dixo Pontón,  é polo que "Feixóo se abraza aos intereses do lobbie eléctrico". A portavoz nacionalista avanzou que o BNG pedirá explicacións a Feixóo no Parlamento galego por permitir  o baleirado dos nosos encoros.

Durante a súa intervención amosou unha foto do que cualificou, boom eólico depredador ao servizo das eléctricas, unha bomba para o medio rural. "Esta foto, demostra as razóns polas que Feixóo veta unha tarifa eléctrica para abaratar a luz., vemos a  Feixóo abrazado ao Presidente de Iberdrola, agora tamén entendemos porque quere demonizar a proposta de crear unha compañía pública galega, que faga que os beneficios da electricidade revertan para o ben común e non para os membros dos consellos de administración".

Hai que poñer punto final a esta estafa legalizada da factura da luz, e a sociedade galega ten no BNG o seu aliado, porque temos as mans libres para defender, recalcou.

 Unha Tarifa eléctrica galega e crear un operador público de enerxía cun novo marco legal  que acabe cos benéficos caídos do ceo e coas portas xiratorias."Se o goberno de Sánchez quere progresar para acabar coa estafa da factura da luz e o espolio de Galiza, ten a nosa man tendida".

XVII ASAMBLEA NACIONAL DO BNG

 Pontón lembrou que o novo curso político coincide  coa celebración da XVII Asemblea Nacional. Ao seu xuízo, con esta Asemblea remátase un ciclo político do BNG, ciclo que vai dende 2016 até hoxe, ciclo que evolucionou da resistencia, á reorganización, a consolidación e rematou no despegue.

"Hoxe temos o BNG máis forte da súa historia,  unha organización que medra, incorporando a moita xente nova, con importante presenza municipal, con gobernos que son referencia de transformación e do potencial que ten Galiza cando confiamos en nós",

Un BNG que incrementou o seu peso no Parlamento Europeo, recuperou presenza no Congreso e que nas pasadas galegas se situou como segunda forza no Parlamento de Galiza e  alternativa clara ao PP.

"Esta XVII Asemblea Nacional ten que ser o inicio dun novo ciclo no que o BNG sexa un actor decisivo na política galega" .

"E eu, como sempre, confío no BNG. Confío nun BNG decidido a que Galiza conte por primeira vez na historia, cun Goberno da Xunta presidido polo BNG. Eu confío nun BNG que non se pon límites, nun BNG capaz de disputarlle a hexemonía ao Partido Popular".

Por iso insisto: "non podemos caer nin conformismo, nin na rutina". Se na anterior Asemblea Nacional respondemos aos retos que a situación demandaba daquela, hoxe o BNG ten outra situación e tamén outros retos, e necesitamos prepararnos colectivamente para responder ao que a sociedade galega demanda nesta nova situación.

"Teño confianza de que imos estar á altura e quero dicirvos que sinto un inmenso orgullo de camiñar con todos e todas e todas vós", concluíu.

 

BNG prioriza a recuperación económica e social, reforzar os servizos públicos, acabar coa estafa da luz e un novo modelo de financiamento