BNG pide á Xunta que non se poña de perfil e poña en marcha un Plan de choque para sacar ao naval de Vigo e a súa comarca da crise industrial

Carmela González
Carmela González
Carmela González lembrou que os principais estaleiros da Ría de Vigo, Barreras, Vulcano e Metalships viven unha situación agónica e pide un compromiso político ao PP para impedir a súa liquidación 
BNG pide á Xunta que non se poña de perfil e poña en marcha un Plan de choque para sacar ao naval de Vigo e a súa comarca da crise industrial

Na interpelación ao conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde,  a deputada do BNG, Carmela González urxiu ao goberno a poñer en marcha un Plan “con políticas decididas e valentes” para sacar o naval de Vigo e a súa comarca da grave crise industrial.

A parlamentaria do BNG asegurou que xa non vale “inxectar cartos” sen compromisos de estabilidade porque o sector naval na cidade de Vigo e comarca  chegou a acadar preto  de 10.000 postos de traballo e  na actualidade, a penas supera o milleiro.

A deputada lembrou que  Barreras, Vulcano e agora Metalships, os 3 maiores estaleiros da Ría de Vigo está a vivir unha  situación é “moi crítica”. Barreras á venda por  1€ e a espera de que apareza un comprador que se faga cargo do estaleiro e das cargas que leva con el.

PEMEX, un engano, unha estafa!

Barreras, explicou a nacionalista,  está sen carga de traballo e sen  perspectiva de pedidos pero a crise do estaleiro non é consecuencia da pandemia. “Barreras leva 10 anos en crise”, unha crise agravada por PEMEX no ano 2013. Coa chegada desta empresa,  Feixóo prometeu 2 floteis, 14 remolcadores, 2 quimiqueiros, buques tanque, unha base loxística en Punta Langosteira e un segundo flotel para a ría de Vigo coa creación  de 2.500 postos de traballo. “Un maná” que  rematou con  2 floteis, un en Barreras e o outro en Navantia, un maná acompañado dunha “débeda millonaria”. O que se presentou como a salvación do estaleiro,  criticou a deputada, resultou ser “un engano, unha estafa e un fracaso” que rematou coa investigación por corrupción de PEMEX e a detención dun directivo. “O presidente Feixóo puxo o maior estaleiro privado do Estado nas mans de corruptos”, recalcou

Por outra parte, a nacionalista tamén se referiu á situación de  Vulcano,  á espera de que a Autoridade Portuaria de Vigo  autorice a utilización da lámina de auga provisionalmente ate que se resolva o concurso para a súa concesión definitiva. No mes de xullo, á iniciativa do BNG, o Parlamento acordou  instar á Autoridade Portuaria e aos membros do Consello de Administración do Porto de Vigo a votar a favor desta autorización e a que os novos pregos para a concesión condicionen a súa adxudicación a un proxecto industrial dedicado á construción e/ou reparación naval. A día de hoxe, afirmou, Carmela González,  Vulcano continúa agardando por esa autorización provisional para retomar a súa actividade.

A estes dous estaleiros, agora súmaselle Metalship que se atopa sen carga de traballo e sen  previsión de nova actividade.

Carmela González afirmou que a situación dos estaleiros vigueses repercute negativamente  nas empresas auxiliares e provedores que dependen da carga de traballo  de Barreras, San Enrique e Metalships.

Ao seu xuízo, a Xunta segue poñéndose de perfil e buscando fóra “culpables”. Nos últimos días o presidente Feixóo volvía repetir o seu compromiso de ‘seguir acompañando’ a esta industria e reclamáballe ao Goberno do Estado un plan de recuperación para o naval pero o sector “non precisa compañía”, remarcou a deputada do BNG, o sector naval de Vigo e a súa comarca necesita “ políticas que apuntalen o seu futuro” como sector estratéxico para Vigo e Galiza.

Fondos Generation para salvar o sector

Como industria estratéxica para o noso país é preciso que a Xunta de Galiza capitanee un proxecto do que formen parte todos os integrantes do sector (sindicatos, empresarios, patronal, ...), así como as Universidades e o Goberno do Estado. “Convoquen a Mesa do Naval para marcar o rumbo que leve ao sector naval galego aos primeiros postos do mercado mundial e poida competir en igualdade de condicións”. Utilicen os Fondos Next Generation para salvar o sector naval galego.

En resposta ao conselleiro que solicitou a axuda do BNG para salvar o naval vigués, a parlamentaria trasladou o compromiso desta forza política nesa liña pero considerou que o Plan de choque corresponde á Xunta de Galiza e preguntou a Conde a que están agardando para presentar este proxecto.

 

BNG pide á Xunta que non se poña de perfil e poña en marcha un Plan de choque para sacar ao naval de Vigo e a súa comarca da crise industrial