Carmela González Iglesias denunciou no Parlamento as precarias condicións no Centro Especial de Emprego Illunion Servizos Industriales (ISI) de Vigo, que continúa a someter as persoas traballadoras con discapacidade a condicións laborais precarias e a unha inestabilidade laboral insostible, a pesar das promesas e compromisos previos do Goberno Galego de realizar unha auditoría sobre as axudas públicas recibidas pola empresa.
Na comisión 6º, González recriminoulle á directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño que, despois de tres anos, a auditoría segue sen facerse e que a situación laboral empeorou.
E é que, segundo indicou a deputada nacionalista, se xa as persoas que traballan na automoción están sometidas a unha durísimas condicións laborais e unha inestabilidade insostible, a situación das que contan con algún tipo de discapacidade é aínda máis grave. No caso concreto de Ilunion Servicios, estas traballadoras don discapacidade “están a desenvolver as mesmas tarefas que o resto das persoas sen discapacidade, pero con peores condicións laborais e salarios máis baixos”. Engadiu que “a falta de adaptación dos postos de traballo á súa condición agrava aínda máis a súa situación, “vulnerando os seus dereitos”.
A pesar das peticións reiteradas por parte do BNG e do compromiso da entón conselleira de Emprego, Mª Jesús Lorenzana, de realizar unha auditoría sobre as axudas recibidas pola empresa e sobre as súas condicións laborais, a realidade actual demostra que as promesas non se cumpriron. Despois de máis de dous anos, o Goberno Galego non tomou medidas para garantir o cumprimento das normativas e mellorar as condicións laborais neste centro especial de emprego.
A deputada de Vigo asegura que a situación empeorou xa que “agora temos que engadirlle a represión sindical exercida pola empresa e o incremento das contratacións a través de empresas de traballo temporal”; en concreto, 196 das 900 persoas que traballan neste centro especial da ONCE son persoal sen discapacidade contratadas a través dunha ETT. Isto, -advertiu- ademais de “agravar a inestabilidade laboral”, non cumpre coa porcentaxe mínima do 70% de persoas con discapacidade contratadas tal e como require a lei.
Ademais, a empresa está a ser denunciada por prácticas represivas contra os seus traballadores e traballadoras, co Comité de Empresa recollendo sentenzas favorables, pero sen que a empresa cumpra con elas. “A inspección de Traballo é coñecedora e é labor das administracións regular as axudas para que as persoas con discapacidade accedan a un emprego e velar para que non sexan discriminadas nun posto de traballo”, salientou.
Advertiu que tamén se evidencian incumprimentos no calendario laboral, na xestión dos complementos salariais e na negociación do plan de igualdade, que foi aprobado sen a debida negociación coa representación sindical.
O BNG deixou clara na Comisión de Industria que Ilunión está a utilizar as axudas da Xunta para fins empresariais, sen garantir as condicións necesarias para a inclusión real destas persoas no mercado de traballo. Ante as mobilizacións para denunciar a situación destas persoas traballadoras, con salarios inferiores aos do sector, sometidas a altos ritmos de traballo e sen que se lles ofreza a formación obrigatoria, a empresa intensificou a campaña represiva contra os representantes dos traballadores no comité de empresa baseada en ameazas, coaccións e sancións.