O BNG lanza a campaña do 25N baixo o lema «A violencia machista segue aí» tamén en tempos COVID

Ana Pontón e Noa Presas
Ana Pontón e Noa Presas
Dobre mensaxe: contra a invisibilización e de empoderamento, para que a pandemia non sexa coartada para baixar a garda e porque a loita continúa

Denunciar a violencia contras as mulleres é importante sempre, - o 25N e os 365 días do ano-, porque está en xogo o benestar, o desenvolvemento persoal e as aspiracións da metade da poboación e porque está en xogo o dereito das mulleres a vivir a súa vida plenamente, en liberdade e como cada unha decida.

“Temos dereito a ser libres e iguais, a estar no mundo como queiramos sen ter que pagar pola nosa liberdade, mesmo coa vida”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación da campaña do BNG con motivo do 25N que leva por lema a violencia machista segue aí, coa pretensión de transmitir á sociedade a dobre mensaxe de que non se pode tolerar que a pandemia faga invisible este problema e que a loita continúa.

“Primeiro, que non imos permitir que a violencia de xénero pase a un segundo plano, pois aprazar a loita contra o machismo significa dor, angustia, medo e mesmo vidas truncadas. A violencia segue aí e non podemos baixar a garda para combatela”, explicou Pontón. Segundo, “é  unha mensaxe de empoderamento para as mulleres de que a loita continúa e que o actual distanciamento social non implica a desaparición da forza colectiva que encheu as rúas os pasados 8M e 25N”.

“O machismo ten demostrado que tamén pode ser un virus letal para miles de mulleres, aquí e no resto do mundo”, salientou a líder do Bloque, por iso non se pode permitir que

“a urxencia da COVID oculte a violencia de xénero, oculte o terrorismo machista que atenta directamente contra a liberdade e contra a vida da metade da poboación”.

Visualmente, explicou a responsable de Acción feminista, a deputada Noa Presas, “a campaña responde ao momento que nos toca vivir e por iso utiliza o elemento da máscara, que en lugar de cubrir a boca tapa os ollos, simbolizando esa advertencia que se recolle no lema: a violencia segue aí e precisa como nunca máis visibilización, lexislación, recursos, máis feminismo, e máis xustiza”.

As imaxes fan unha aposta pola diversidade de idades, procedencias e contextos sociais, porque así de diversa é Galiza. A difusión será a través das redes sociais e, desde o BNG anímase a todos e todas a difundir e compartir.

Forza do movemento feminista

Tanto Pontón como Presas destacaron a “forza” do feminismo galego, exemplo de mobilización e loita e que segue aí “para defender un mundo xusto e igual no que podamos vivir sen soportar violencia polo mero feito de ser mulleres”, máxime nun contexto no que o negacionismo conta co apoio da extrema dereita e tamén dunha parte da dereita política.

A pandemia puxo en primeiro plano unha realidade ben coñecida: que as mulleres realizan a maior parte dos traballos precarizados, invisibles ou pouco valorados, pero imprescindibles para o conxunto da sociedade; traballos básicos como o de coidadoras, caixeiras de supermercados, limpadoras, enfermeiras, etc.

Ademais, o BNG advirte que o contexto COVID dificulta a auto-organización para combater o machismo e a existencia de espazos seguros e engade novas dificultades para que as vítimas de violencia rompan o círculo e procuren axuda.

No plano propositivo, o Bloque formula unha sería de medidas que levará ao Parlamento, empezando por unha campaña institucional de sensibilización e un plan específico para a mocidade nos centros escolares para tratar de forma específica o acoso.

No plano dos recursos, demanda que a Xunta incorpore nos orzamentos 2021 unha transferencia extraordinaria de 1,5 M€ aos concellos que contan cun CIM e, unha vez máis, reclama destinar a loita contra a violencia machista o 1% do orzamento galego. Igualmente, facilitar atención psicolóxica ás vítimas como servizo de atención primaria e garantir o funcionamento dos servizos de atención a mulleres en situación de violencia machista, incluídos os CIM, como servizos esenciais en caso dun novo confinamento.

“Non podemos invisibilizar un problema que está aí os 365 días ao ano, con ou sen COVID”, conclúe Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG