A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, vén de rexistrar iniciativas na cámara alta para reclamar ao Goberno do Estado información detallada sobre o grao de execución e os investimentos destinados ás actuacións ferroviarias do Corredor Atlántico na Galiza e exixe información detallada, transparencia e un maior impulso ás actuacións ferroviarias previstas.
A formación nacionalista considera prioritario avanzar na modernización da rede ferroviaria galega, tanto para o transporte de viaxeiras e viaxeiros como de mercadorías, así como nas conexións cos portos do País contempladas na planificación europea.
Após o anuncio do Ministerio de Transportes de que investirá 3.123 millóns de euros en 2025 e outros 1.000 millóns nos primeiros meses de 2026 para o Corredor Atlántico, o BNG reclama coñecer que parte deses recursos se están executando realmente na Galiza.
“Os anuncios do Ministerio deben traducirse en investimentos reais e en avances concretos nas infraestruturas pendentes na Galiza. O noso País non pode seguir acumulando atrasos en actuacións fundamentais para a súa mobilidade e o seu desenvolvemento económico” sinala Carme da Silva.
Na iniciativa, o BNG demanda información actualizada sobre actuacións estratéxicas como a electrificación do tramo Guillarei-Fronteira portuguesa, a renovación da liña do Miño entre Ourense e Vigo, a modernización da liña Ourense-Monforte-Lugo, o acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira ou as obras nas estacións ferroviarias galegas.
A nacionalista pon o foco especialmente na Saída Sur de Vigo, unha infraestrutura estratéxica para a conexión ferroviaria con Porto e para a integración da Galiza no Corredor Atlántico europeo. “A Saída Sur de Vigo é unha actuación imprescindible para mellorar a conexión con Portugal e reforzar a posición de Galiza no espazo atlántico europeo. O Goberno debe aclarar en que situación se atopa e establecer un calendario certo para a súa execución” reclama a senadora do BNG.
A formación nacionalista tamén exixe ao Ministerio de Transportes que detalle o estado de todas as actuacións ferroviarias previstas na Galiza, os investimentos executados e os prazos previstos para garantir o cumprimento dos compromisos europeos fixados para 2030 e 2040.
“A Galiza precisa certezas, prazos e investimentos. Non abonda con anuncios xenéricos; é necesario coñecer o estado real dos proxectos e acelerar aquelas actuacións que continúan acumulando demoras” conclúe Da Silva Méndez.