Congreso

BNG exixe mellorar a seguranza viaria na N-651 ao seu paso polo concello de Paderne

Paderne
Paderne

O candidato do BNG á alcaldía da localidade das Mariñas, Manel Pérez, traslada a necesidade de actuar na infraestrutura e permitir unha humanización da vía e o tránsito seguro das persoas

Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado realizar todas as xestións precisas para a redacción dun proxecto que incorpore unha rotonda no cruzamento entre a N-651 e a AC-164

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para a mellora da seguranza viaria da N-651 ao seu paso polos termos municipais da comarca das Mariñas. No concreto, exixe ao Goberno do Estado actuacións urxente no cruzamento da estrada coa AC-164 na saída da Ponte de Pedra en Souto, no Concello de Paderne, e resolver as necesidades dos núcleos de poboación de Souto e Insua para implantar pasos de peóns, sendas ou beirarrúas que permitan a humanización da vía. Alén do máis, Rego demanda realizar todas as xestións para a redacción dos proxectos destas actuacións prevendo a incorporación dunha rotonda no cruzamento.

Pola comarca das Mariñas decorre por varios concellos a N-651 que posúe varios puntos perigosos. Algúns dos máis conflitivos atópanse no termo municipal de Paderne, como o cruzamento da estrada coa AC-164, na saída da Ponte do Pedrido, en Souto, cunha alta sinistralidade.

“O alto perigo deste cruzamento tratouse en varias sesións plenarias do Concello de Paderne e incluso existen acordos para solicitar, neste punto, a construción dunha rotonda co obxectivo de diminuír o risco para o tráfico” lembra o candidato do BNG á alcaldía de Paderne. Neste sentido, Manel Pérez traslada ao deputado nacionalista no Congreso a necesidade de que o Goberno do Estado leve a cabo unha actuación para diminuír o tráfico e facilite os cambios de sentido, así como as manobras.

Pola súa parte, Néstor Rego entende a necesidade de mellorar a seguranza viaria, tanto no núcleo de Souto como en Insua, tamén no concello de Paderne. “Son zonas perigosas pola falta de pasos de peóns en que a estrada N-651 divide pola metade os núcleos” explica o deputado do BNG. Engade, tamén, que o Goberno debe acometer actuacións que permitan a humanización da vía e o tránsito seguro para as persoas.

“Resulta urxente que, recollendo as demandas da veciñanza e as peticións trasladadas a través dos distintos acordos plenarios, comecen a realizarse todas as xestións e todos os trámites que permitan redactar o proxecto e estudo para acometer as actuacións descritas” demanda Néstor Rego. Así mesmo, reclamar prever neste estudo e proxecto a incorporación dunha rotonda no cruzamento entre a N-651 e a AC-164 para reducir a sinistralidade da vía así como as medidas de humanización.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG