BNG exixe incluír o sector mar-industria no PERTE Agroalimentar

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama ao novo Ministro de Industria, en colaboración como Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a realizar todas as xestións e actuacións para realizar unha convocatoria específica para este sector e con fondos suficientes

A frente nacionalista sinala a necesidade de que o Goberno do Estado se comprometa co sector mar-industria, cun grande peso na economía galega, para a dixitalización, modernización e a mellora da industria pesqueira

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado realice as xestións e actuacións necesarias para incluír o sector mar-industria no PERTE agroalimentar. O Ministerio de Industria executa parte do PERTE agroalimentar en colaboración co de Agricultura, lembra o deputado, e foi este último o que anunciou o compromiso de realizar unha convocatoria específica para esta industria. Ambos Ministerios, especialmente o novo gabinete, deben manter ese compromiso e axilizar a dixitalización e a modernización do sector coa súa inclusión no PERTE.

En xullo de 2022, o sector mar-industria galego reclamou a súa inclusión no PERTE agroalimentario anunciado polo Goberno do Estado. Ante estas demandas, o propio Ministerio de Agricultura declarou que estaba a traballar “nunha solución” á vez manifestaba o seu compromiso para “realizar unha convocatoria específica para esta industria”.

“Máis de medio ano despois seguimos sen coñecer as actuacións que está levando o Goberno do Estado e, no concreto, o Ministerio de Industria ou o Ministerio de Agricultura, pois non houbo ningún movemento neste sentido e, agora, co cambio na carteira de industria, tememos que se perda unha oportunidade verdadeiramente importante para o sector” sinala o deputado do BNG.

Estes fondos do PERTE agroalimentario, explica Rego, poderían servir para modernizar e dixitalizar o sector. Tamén para implantar melloras na industria pesqueira para favorecer o seu desenvolvemento, sobre todo da industria transformadora dos produtos do mar. “O sector mar-industria é un piar fundamental na economía galega e o Goberno do Estado debe garantir e apoialo. Debe realizar todas as xestións e actuacións necesarias para incluír a este sector no PERTE agroalimentar, así como realizar unha convocatoria específica para o mesmo” demanda.

“O novo Ministro de Industria debe comprometerse co sector, máis do que o fixo a anterior Ministra, e axilizar os trámites para a convocatoria específica con fondos suficientes para atender as demandas do sector” exixe Néstor Rego. O deputado nacionalista entende que, se a carteira de Industria non se compromete a traballar a prol do sector mar-industria, sería unha oportunidade perdida para modernizar, dixitalizar e implantar melloras na industria pesqueira e amosaría “a falta de vontade política do executivo estatal cun dos sectores máis importantes para a Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG