O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar ao Goberno do Estado o acceso a documentación clave sobre a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), co obxectivo de coñecer a verdade do proceso e defender con rigor os intereses da frota pesqueira galega, especialmente da frota de baixura e artesanal.
En concreto, o deputado do BNG no Congreso require a copia íntegra do Informe de simplificación da PPC remitido polo Estado español á Comisión Europea -nomeadamente ao Comisario de Pesca e Océanos- e ao resto de Estados membros, un documento que inclúe propostas para a futura revisión da política pesqueira comunitaria.
Así, a organización nacionalista urxe acceder integramente ás 212 achegas realizadas polo Goberno español á revisión da PPC, que foron validadas pola Comisión Europea en decembro de 2025, co fin de analizar o seu contido e avaliar o impacto real que poden ter sobre o sector pesqueiro galego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliña que “é imprescindíbel saber que defende exactamente o Goberno español en Bruxelas, porque a experiencia dinos que demasiadas veces as decisións acaban prexudicando á frota galega mentres se favorecen outros intereses alleos á nosa realidade produtiva”.
Rego advirte de que a revisión da PPC “non pode facerse de costas ao sector nin sen ter en conta o peso social, económico e territorial da pesca na Galiza” e insiste en que o BNG manterá unha vixilancia activa para garantir que “non se impoñan novas obrigas que afoguen aínda máis as pequenas embarcacións e o marisqueo”.
Flexibilidade, realismo e defensa do sector pesqueiro galego
Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado flexibilidade, realismo e unha moratoria inmediata na aplicación do regulamento mentres ... non se exclúa á frota artesanal do Regulamento de Control da Pesca “Non se pode aplicar un control pensado para grandes frotas industriais á pesca artesanal sen provocar consecuencias económicas e sociais moi graves” afirma.
A organización nacionalista reitera que empregará todas as ferramentas parlamentarias para defender a pesca galega frente a decisións inxustas e desproporcionadas, tanto no Estado como na Unión Europea.