BNG exixe ao Goberno do Estado incluír a Galiza nas actuacións do Corredor Atlántico de mercadorías

Néstor Rego
Néstor Rego

“O Goberno do Estado debe eliminar calquera incerteza” afirma Rego ante a posibilidade de que a Galiza quede fóra do mapa das autoestradas ferroviarias de mercadorías, tal e como se deduce do documento ‘Mercancías 30’

Néstor Rego urxe ao executivo do Estado rematar a actuación no tramo Vigo-Tui para estabelecer a liña de alta velocidade con Portugal após o anuncio do Primeiro Ministro portugués, António Costa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante a comparecencia do Secretario Xeral de Infraestruturas exixe a rectificación do Goberno para incluír a Galiza no mapa proposto de autoestradas ferroviarias de mercadorías e de actuacións no Corredor Atlántico. A organización nacionalista entende que apostar por un medio de transporte sustentábel e verde como o ferrocarril, favorecería o desenvolvemento da Galiza mais, se non se rectificar, alerta de que estaríamos diante dunha nova discriminación ao País. Así mesmo, urxe implantar o servizo de cercanías ferroviarias nas zonas urbanas e áreas metropolitanas da Galiza e impulsar a conexión co norte de Portugal, despois de que o Primeiro Ministro portugués anunciase que iniciarán o trazado da alta velocidade Lisboa-Porto-Vigo en 2026.

A comparecencia do Secretario Xeral de Infraestruturas, Francisco Xavier Flores García, consistiu na presentación, na cámara baixa, do documento Mercancías 30 sobre a proposta de autoestradas ferroviarias e de actuacións nos corredores de mercadorías. O obxectivo declarado deste proxecto é o impulso do transporte das mercadorías por ferrocarril até 10%. Nese obxectivo teñen especial relevancia as autoestradas ferroviarias, que permitirán mover contedores, remolques e camións a través da rede dos camiños de ferro, afondando na intermodalidade portos-estradas-ferrocarril e apostando por medios de transporte máis sustentábeis e verdes.

“O documento presentado polo executivo deixa fóra a Galiza e prioriza o Eixo Mediterráneo e a conexión con Portugal a través de Salamanca, mais esquécese de completar o Eixo Atlántico até Vigo e A Coruña” explica o deputado do BNG durante a comparecencia. En opinión de Rego, se non se corrixir esta decisión do executivo “estaríamos ante unha nova discriminación coa Galiza” que terá consecuencias moi negativas para o conxunto da economía galega e a competitividade das empresas asentadas no País.

No concreto, ironiza o deputado nacionalista, a rede proposta no mapa ferroviario de mercadorías pasa “por cidades tan atlánticas como Miranda de Ebro, Medina del Campo, Madrid, Córdoba, Badajoz ou Salamanca”. Sorprende, ademais, que no documento Mercancías 30 apareza un mapa da rede básica trans-europea en que figura a conexión entre a Galiza e Valladolid, mais non no mapa de actuacións do Goberno. Cabe lembrar que foi grazas a unha intervención do BNG no Parlamento Europeo que a Galiza está incluída na rede TEN-T e máis concretamente na rede básica de corredores europeos de transporte de mercadorías, con grande importancia estratéxica e que marca como prazo para o remate da construción antes do ano 2030.

“O transporte porto-ferroviario na Galiza move, neste momento, máis de 800 mil toneladas, especialmente en Marín e na Coruña. Sen deixar de lembrar que está en execución a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol e en licitación a do porto exterior da Coruña, polo que non se xustifica esta exclusión”, sinala o deputado nacionalista.

Rego pregunta tamén sobre o grao de execución das partidas orzamentarias que estaban destinadas, nos Orzamentos de 2022, para o desenvolvemento da rede TENT-T na Galiza. “Figuran partidas cun importe de 275 millóns de euros. Está o Goberno executando estas partidas ou veremos o mesmo que cos orzamentos de 2021,  de que só foron executados dous terzos?” apunta.

Ante a resposta do Secretario Xeral de Infraestruturas de que a Galiza está incluída mais que recoñece que os mapas “poden xerar confusión”, o deputado do BNG reclama no que o Goberno do Estado corrixa os mapas propostos mais tamén a vontade política necesaria para impulsar as actuacións no noso País, porque non é só cuestión dos mapas. “Nos calendarios de adecuación dos gálibos para permitir a circulación de camións ou remolques sobre plataformas ferroviarias non existe ningunha actuación prevista na Galiza. Por iso o Goberno debe eliminar calquera incerteza a redor deste tema”.

“A capacidade de transporte pódese incrementar na Galiza de maneira moi importante pois temos unha alta dependencia do transporte por estrada, entre outras cousas por non termos un transporte ferroviario de mercadorías adecuado” sinala Rego. Se se puxer en marcha este servizo ferroviario de mercadorías “ou incluso algunha estación específica como a que reclaman en Santiago de Compostela” podería existir un aumento significativo da demanda deste transporte.

Implantar as cercanías ferroviarias na Galiza

“Canto nos toca?” pregunta o deputado nacionalista ante o anuncio de novas actuacións no transporte ferroviario sustentábel e conectado nas áreas urbanas e metropolitanas cun orzamento superior aos 6.000 millóns de euros. “Canto lle toca á Galiza tendo en conta que non existen cercanías ferroviarias en ningunha das áreas urbanas ou metropolitanas do noso País?” denuncia Rego, incidindo na discriminación que sofre a Galiza nesta materia. Non houbo resposta por parte do Secretario Xeral de Infraestruturas.

Conexión con Portugal

Ante a presentación nesta cuarta feira, por parte do Primeiro Ministro de Portugal, do trazado da alta velocidade para a conexión Lisboa-Porto-Vigo e o anuncio de que comezará en 2026, o deputado nacionalista reclama ao Goberno do Estado unha aposta decidida para completar os 15 quilómetros de actuación entre Vigo e Tui. “Para o BNG e para a Galiza é fundamental executar a saída sur de Vigo e completar o tramo entre esta cidade e Valença-Tui para conectar coa rede portuguesa, tanto en viaxeiros como en mercadorías, porque non hai que esquecer que Portugal é hoxe o principal parceiro económico da Galiza” conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG