O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno do Estado poñer freo ás prácticas abusivas e sen control que están a realizar entidades como LaLiga e Movistar bloqueando páxinas web, e mesmo direccións IP, co pretexto de combater a piratería na emisión dos partidos de fútbol online. O BNG sinala que estes bloqueos indiscriminados están a causar a caída de páxinas web de negocios, aplicacións e espazos culturais lícitos e legais.
Após a sentenza en 2022 dun xulgado de Barcelona que permitía a LaLiga bloquear dominios para rematar coa piratería, empresas privadas como Movistar están a realizar “bloqueos indiscriminados” que están a ter consecuencias en millares de webs totalmente lexítimas. A situación, sinala o deputado do BNG, está mesmo a provocar verdadeiros apagamentos dixitais -sobre todo durante as fins de semana- de webs legais, desde páxinas persoais até servizos e negocios.
“O Goberno do Estado debe tomar cartas no asunto ante os reiterados bloqueos a millares de páxinas web porque, se non o fixer, implica un abandono das súas funcións deixándoas en mans privadas que obran no seu propio beneficio e sen control” reclama o deputado do BNG no Congreso.
A sentenza dicía “sen prexuízo de terceiros”
Tal e como lembra o deputado nacionalista, a sentenza de 2022 do xulgado de Barcelona estabelecía tamén que este tipo de actuacións non podían afectar a terceiros, mais si que está a afectar. “Non pode ser que estean a pagar xustos por pecadores e menos co argumento de intentar combater a piratería e a emisión online dos partidos de fútbol” sinala Rego.
Para o deputado nacionalista “é incomprensíbel que empresas privadas poidan bloquear páxinas webs. A autorización xudicial é absurda neste punto, mais nin sequera se respecta, porque esa autorización estabelece que non poden ocasionarse prexuízos a terceiros, e si está a acontecer. Os bloqueos indiscriminados por parte de LaLiga e Movistar implican unha vulneración dos dereitos das persoas usuarias e por iso o Goberno debe actuar” salienta Rego.