Congreso

BNG esixe á Xunta de Rueda que abandone a súa política de brazos caídos e garanta a continuidade do naval en Vigo

Brais Ruanova
Brais Ruanova

O deputado Brais Ruanova defendeu no Parlamento a creación dun centro de reparacións navais que contemple a produción, a formación e a I+D+i

O portavoz de Economía e Industria do BNG, Brais Ruanova, esixiu no Parlamento ao Goberno do PP na Xunta que “abandone a súa política de brazos caídos” e garanta a continuidade do naval en Vigo, e defendeu a creación dun gran centro de reparacións navais que contemple desde a formación, á produción e a I+D+i.

“Ante os momentos máis convulsos que viviu o sector naval, a Xunta do Partido Popular despregou a súa política de brazos caídos, deixando pasar a oportunidade de intervir publicamente un sector vital. Esa pasividade causou na cidade de Vigo durante os 16 anos de gobernos do señor Feijóo e o señor Rueda a perda de máis de 7.500 empregos no naval”, subliñou, apuntando que as causas desa perda de emprego no sector non é debida a que esta industria deixase de ser competitiva —chegou a ter máis de 10.000 postos de traballo en 2008—, ou a que a calidade do traballo fose inferior.

“As causas da caída en tódolos termos da industria naval de Vigo e no conxunto do País son estritamente causas de vontade, ou máis ben falta de vontade política de tódalas administracións con competencias”, criticou, aludindo tanto ás políticas da UE, que “decidiu que Galiza tiña un sector da industria naval sobredimensionado, e que aplicou mecanismos e sancións para ir deixando deserta grande parte do traballo do noso sector naval”, como  “á pasividade dos gobernos galego e estatal”, que permitiron o desmantelamento dunha industria estratéxica da que dependían miles de persoas no noso país, especialmente en Vigo e Ferrol.

Neste contexto, dous estaleiros de referencia, como foron Barreras e Vulcano, acabaron por ser “liquidados” en concurso, causando graves problemas no tecido xeral da comarca.

É por iso que o deputado preguntoulle na Comisión 6ª ao secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, se o Goberno de Rueda “pensa actuar” para garantir a continuidade da actividade industrial naval a futuro no espazo ocupado por Astilleros San Enrique —antiga Vulcano— e como valora que a Autoridade Portuaria de Vigo –que é propietaria de parte deses terreos—propuxese destinar o espazo a usos loxístico-comerciais. Tamén contempla os usos dos terreos privados adquiridos por Marina Meridional (36.000 m²) compensando a San Enrique con 4 millóns de euros.

“No caso de que rematase a concesión con San Enrique para o uso deste terreo, valoraría o goberno galego optar por unha intervención pública para manter a actividade? Ou pensan facer como coa desaparición de Vulcano?”, preguntou Ruanova, emprazando á administración galega a “non quedar novamente nun plano pasivo” e a despregar unha “vizosa política pública” que reforce un  sector estratéxico, declarado así na propia Consellería de Economía e Industria e cun Plan Director en marcha.

“Desde o BNG temos claro que o mantemento da actividade industrial naval neste espazo é un obxectivo irrenunciábel, non podemos permitirnos seguir incidindo no modelo de terciarización da principal cidade do país”, manifestou, recalcando que “unha cidade que debería ser o motor tecnolóxico e industrial do país e que queda relegada ás luces do nadal para uns e ao monocultivo do xacobeo para outros”.

A proposta do BNG: as reparacións para manter o emprego e o talento

O BNG vén defendendo desde hai tempo que Vigo é o lugar idóneo para despregar un gran Centro das Reparacións Navais, que interveña en toda a cadea de valor, dende a formación ata o I+D+i e, por suposto, a actividade produtiva de reparación.

Segundo expuxo Ruanova, trataríase dunha “liña de negocio que nos permita captar, formar e manter o emprego a longo prazo, debido á maior estabilidade no tempo das reparacións sobre a construción, así como a unha mellor liquidez e menor inversión para empresas desta actividade sobre a propia construción”.

O deputado vigués defende esta vía da reparación porque para poder facer fronte aos bandazos dunha industria tan marcada polos cobros a anos vista, pola carga de traballo irregular e polo funcionamento do modelo de estaleiro de síntese, onde quen fabrica son as contratas, “a aposta polas reparacións nun momento non tan malo do sector sería un acerto estratéxico”, recalcou.

Neste sentido, Ruanova preguntou se o goberno galego “pensa desenvolver as súas competencias para dotar a Vigo dunha estrutura deste tipo, que reverta a complexa situación na que se atopa o sector naval e garanta o emprego e o coñecemento a longo prazo, para facer do naval un sector máis resiliente ante futuras crises”. Cuestión que o representante da Xunta non desbotou na súa resposta.

Na súa réplica, Ruanova recalcou a importancia de tomar decisións estratéxicas no momento de bonanza do sector e recordou o “bluf” das promesas de Feijoo co caso  Pemex,  que rematou por “liquidar” un estaleiro histórico en Vigo como Barreras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG