A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a negociar de maneira urxente e de xeito bilateral co Estado un novo modelo de financiamento feito a medida dos intereses dos galegos e as galegas, un sistema que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos para mellorar a educación, a sanidade ou o sistema da dependencia.
“A Xunta non pode perder un minuto máis submisa aos intereses do PP en Madrid. Euskadi xa ten cupo, Cataluña avanza na negociación dun modelo propio e Galiza non pode quedar atrás”, advertiu, para reclamar a Rueda unha “rectificación” se o que de verdade quere é que “Galiza gañe”.
Presas considerou que o anunciou feito polo Estado e Cataluña supón unha oportunidade que Galiza ten que aproveitar porque abre unha “negociación real” cara a un novo modelo de financiamento máis descentralizado e con máis autogoberno como o que defende o BNG. Un sistema de concerto económico, detallou, que nos permita recadar todos os nosos impostos, con plena capacidade de decisión en materia fiscal e cunha Facenda galega con todas as funcións.
A deputada do BNG remarcou que co actual sistema de financiamento, asinado “de puño e letra por Feijóo” no 2009, a Galiza “foille mal”, como constatou nun “informe contundente” o Consello de Contas, que cifrou a perda de recursos desde ese ano en máis de 18.000 millóns de euros. Son, engadiu, 1.535 millóns de euros cada ano, “máis do que vai gastar en todo 2025 a Xunta na Consellería de Política Social e Igualdade, máis do que se vai destinar a servizos tan importantes como a dependencia, as residencias ou a loita contra a violencia machista”.
“Esa perda de recursos tivo consecuencias”, precisou Presas, referíndose como exemplo ás máis de 350.000 persoas en listas de espera hospitalarias ou aos case 2.000 millóns de euros que o PP, que leva bloqueando a reforma do financiamento desde 2014, recortou da Atención Primaria.
É por iso que a portavoz nacionalista de Facenda considerou que “Galiza non pode quedar calada cando se abre despois de once anos a posibilidade de ter a chave dos seus cartos”. Porque aínda que non se coñece o texto legal do negociado entre Cataluña e o Estado, “máis descentralización e máis autogoberno sería bo para o noso País”. “É fundamental rachar co traxe centralista e que se constrúa un a medida dos intereses dos galegos e as galegas”, e para iso a Xunta ten que negociar “de ti a ti” co Estado, “como fan as outras nacións e como fai todo o mundo”, asegurou.
Presas insistiu en que Rueda ten que abandonar o seu servilismo a Rueda e non escudarse en “cifras inventadas”, como que Galiza vai perder entre 600 e 1.200 M€, para xustificar a súa “traizón” aos intereses do País. Aínda de ser certas esas cantidades, serían mellores que as actuais, posto que o que si está contrastado é que o modelo actual supón perder eses 1.535 M€ cuantificados por Contas, subliñou.
Lembrou ademais que, cos datos de 2022, que é o último exercicio liquidado, o Estado devolveu a Galiza máis de 5.000 millóns de euros menos dos que Galiza achegou. “Hai, polo tanto, marxe de negociación”, reiterou, para salientar que cun modelo de concerto como o que defende o BNG, no que Galiza tería que devolver ao Estado unha parte do recadado polos servizos que presta no País, a Xunta disporía de máis recursos para atender ás necesidades das galegas e dos galegos.
Para afondar nesta cuestión, Presas tomou como referencia Euskadi, que devolve ao Estado arredor de 1.490 millóns de euros polo cupo. “Aínda que duplicaramos esa cantidade, Galiza tería para si máis capacidade de ter máis recursos para reforzar as nosas competencias”, explicou.
“Se tanto teme a Xunta do PP que Galiza perda, o que ten que facer é rectificar, porque co PP si que perde Galiza, e hoxe temos a oportunidade de que Galiza negocie e de que Galiza gañe”, concluíu.