congreso

BNG, ERC e EH Bildu impulsarán a incorporación do Escudo Social á Lei de Dependencia

Deputados e deputadas de BNG, Bildu e ERC
Deputados e deputadas de BNG, Bildu e ERC

As tres formacións rexistran emendas para blindar por lei a prohibición de desafiuzamentos e cortes de subministracións a persoas vulnerables, con discapacidade ou en situación de dependencia

Teñen como obxectivo garantir o seu carácter estrutural e evitar que desaparezan após a non validación do Real Decreto-lei no Congreso

Madrid, 27 de febreiro de 2026. As tres formacións políticas -BNG, ERC e EH Bildu- rexistran emendas conxuntas para incluír a prohibición de desafiuzamentos e interrupción de subministracións a persoas vulnerables, con discapacidade ou en situación de dependencia. O obxectivo das organizacións é blindar o Escudo Social por lei e convertelo en medida estrutural, despois de que non se validase o Real Decreto-lei no pleno do Congreso.

As tres formacións consideran que estas medidas son “fundamentais para milleiros de familias” e, por iso, propoñen incluír na lei a prohibición de desafiuzamentos e de interrupcións de subministracións básicas cando afecten a persoas vulnerables, con discapacidade ou en situación de dependencia.

As emendas conxuntas son rexistradas no marco de debate ao Proxecto de Lei pola que se modifican o texto refundido da Lei  Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, para a extensión e reforzo dos dereitos das persoas con discapacidade á inclusión, a autonomía e a accesibilidade universal conforme ao artigo 49 da Constitución.

Despois da caída do chamado Escudo Social no pleno, BNG, ERC e EH Bildu queren converter en medida estrutural as recollidas no Escudo Social: prohibir a interrupción de subministracións a persoas vulnerables, con discapacidade ou en situación de dependencia, co obxectivo de garantir a continuidade de subministración e acceso efectivo a apoios e información; e impedir o desafiuzamento ou lanzamento cando na vivenda residan menores de idade, persoas en situación de dependencia ou persoas vulnerables.

Así mesmo, as tres formacións políticas defenden a necesidade de incrementar, nos proxectos de vivendas protexidas, a reserva de vivendas para persoas con discapacidade adecuando as características construtivas e de deseño universal para garantir o acceso e o desenvolvemento cómodo: de 4% proposto polo Goberno a 7%.

Por último, BNG, ERC e EH Bildu demandan a través dunha emenda que se respecten as competencias propias das Comunidades Autónomas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG