Galegas 2020

O BNG encara as eleccións do 12X co obxectivo de conseguir o cambio galego necesario para a reconstrución económica e social do país

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón chama a mobilizarse para conseguir ese cambio que permita construír unha Galiza “viva no económico, xusta no social, forte no seu autogoberno e con futuro”

“O tempo difícil en que vivimos reforzou en min as ganas de ser a primeira muller que presida Galiza e demostrar que hai outra forma de facer política”, proclama

O Consello Nacional ratifica as listas: Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense), Luís Bará (Pontevedra), Xosé Luís Rivas e Montse Prado, números 2 pola Coruña e Pontevedra

Na súa intervención tras o Consello Nacional, a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, instou a mobilizarse de cara á cita electoral do 12 de xullo porque na Galiza post-Covid19 é aínda máis necesario un “cambio galego” para a reconstrución do país, e para conseguilo o BNG sae a por todas.

“Toca activarse para poñer en marcha o cambio galego e poder enfrontar con garantías o proceso de reconstrución económica e social, porque se antes do coronavirus era urxente un cambio en clave de país, agora é imprescindíbel se queremos ter futuro”, proclamou a líder do Bloque, “ante os tempos difíciles que veñen non imos dicir que hai solucións máxicas, pero si que Galiza pode saír adiante se cambia o rumbo”.

Para iso é preciso deixe atrás a Galiza minguante de Feixóo, “unha Galiza que vai a menos: menos emprego, menos poboación, menos igualdade, menos industria, menos sanidade pública, menos solidariedade e menos autogoberno”, -denuncia-, e este balance non se pode agochar detrás da pandemia nin fagocitando a televisión pública.

“Quere esconder once anos de retroceso detrás dunha traxedia convocando eleccións en plena pandemia, convencido de que así pode conter o seu naufraxio electoral. Mais estou convencida que os e as galegas van tomar nota do seu oportunismo, do feito de que en vez de responsabilizarse o único que liderou foi a manipulación usando a TVG para facer campaña encuberta nestes dous meses”, criticou.

Co mando único como escusa, -argumentou-, “non protexeu ao persoal sanitario, nin ás persoas maiores nas residencias, nin a quen soporta un ERTE, nin apoiou os e as traballadoras autónomas que si teñen axudas directas noutros territorios”. “A Feixóo quédalle grande o reto que Galiza ten por diante porque é tempo de poñer por diante os intereses do país, da sociedade galega e a vida das persoas, xusto o contrario do que fai el”, salientou Pontón.

As enormes dificultades que trae consigo a pandemia non fixeron senón aumentar o compromiso da candidata nacionalista e a súa vontade de liderar o cambio que permita a reconstrución económica e social do país. “Nestes dous meses de confinamento cambiaron moitas cousas pero non cambiou en min as ganas de ser a primeira muller que presida Galiza e demostrar que hai outra forma de facer política. Teño máis convicción, máis ilusión e un compromiso reforzado polo contexto tan difícil que vive o noso pobo”, salientou.

O papel das mulleres na crise

Neste sentido, a candidata nacionalista destacou no seu discurso tras o Consello Nacional, o seu reto cara o 12X: “preséntome a estas eleccións para ser unha presidenta centrada en erguer o país, en coller da man ás persoas que quedaron sen emprego, á mocidade precarizada, ás mulleres que estiveron ao pé do canón na sanidade, nos supermercados, nos traballos da limpeza e coidados que nos sacaron adiante, hai que mellorar as súas condicións laborais. Quero ser presidenta para garantir unha sanidade pública de primeira e para que nunca máis vexamos a atención ás persoas maiores convertida no negocio duns poucos”, comprometeu.

Pontón explicou en que consiste o cambio real que aspira a liderar. “Cando falo de poñer en marcha un cambio galego quero dicir tres cousas: un cambio feito desde nós e para nós; un cambio sólido e solvente, con políticas serias que poñan a vida das persoas no centro; e un cambio social centrado en garantir presente e futuro digno á maioría social”, sintetizou Pontón. O país ten por diante “un reto enorme” que precisa “políticas e liderados xenerosos e incluíntes”, -recalcou-, lonxe “da confrontación gratuíta ou das artimañas partidistas”.

Neste sentido, a candidata nacionalista avanzou cal sería a súa primeira proposta a fronte do Goberno do país: “convocar a todos aos axentes políticos, sociais e económicos para tecermos un grande acordo de país para a reactivación económica e social”, porque Galiza, subliñou, “ten que estar sempre por riba das siglas”.

Solidez, responsabilidade, solvencia

Pontón salientou que a sociedade reclama solidez, responsabilidade, solvencia e capacidade, “e todo iso é o BNG, unha forza seria, con experiencia e capacidade demostrada, que cumpre e sabe xestionar”, para poñer en marcha “unha Galiza viva no económico; xusta no social; forte no autogoberno e con futuro”.

Unha Galiza que no económico aposte pola creación de emprego, pola industria e os sectores produtivos, que poña fin ao espolio e defenda o dereito a producir e a crear traballo a partir dos nosos recursos. Unha Galiza xusta no social, que poña no centro das políticas a vida das persoas: os coidados, a igualdade, a conciliación; que conciba a saúde, a vivenda e a educación como dereitos; que recupere para a xestión pública as residencias de maiores.

Unha Galiza forte con autogoberno real, cun goberno sen complexos, digno do seu pobo e que non baixe a cabeza diante de intereses alleos ou das direccións madrileñas dos partidos estatais, un goberno que faga respectar ao país. Finalmente, unha Galiza con futuro que ofreza oportunidades, que aposte por poñer en marcha un novo modelo social que poña no centro a vida das persoas e que estableza unha nova relación co territorio e o medio ambiente, coidando a terra e preservando a biodiversidade.

De cara a ese reto, o CN ratificou as candidaturas de “excelencia” con Olalla Rodil como cabeza de lista por Lugo; Noa Presas por Ourense; Luís Bará por Pontevedra, así como Xosé Luís Rivas e Montse Prado como números dous pola Coruña e Pontevedra. “Se todos e todas as que queremos un cambio nos mobilizamos, o 12X temos a oportunidade de vacinarnos contras ás políticas fracasadas e centralistas do PP e poñer en marcha unha nova Galiza cunha presidenta do BNG”, concluíu.


CANDIDATURAS #GALEGAS2020

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG