O BNG denuncia o recorte de preto de 1.000 docentes para o próximo curso e advirte das consecuencias para o alumnado

Manuel Lourenzo, viceportavoz parlamentario
Manuel Lourenzo, portavoz de Educación

Manuel Lourenzo reclama á Xunta a incorporación inmediata dun millar de profesores e profesoras e que convoque oposicións de reposición neste vindeiro curso 

O portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, denuncia os recortes que está aplicando a Xunta no sistema educativo público e que, segundo indica, supón que a resolución do 2 de agosto da Consellería de Educación “establece que no sistema público vai a haber da orde de 1.000 profesores e profesoras menos respecto do curso anterior”.

Lourezo explica que “poñendo este dato en relación co número de profesoras e profesores interinos que se incorporaron este ano a partir das oposicións e tamén en relación coas xubilacións dá como resultado que o sistema educativo público galego contará para o vindeiro curso con aproximadamente 700 ou 800 docentes menos”.  

Un “novo tesoirazo para o ensino público” que, segundo advirte, trae consigo “consecuencias devastadoras”, dado que o alumnado “vai ter que iniciar un novo curso con aulas masificadas e aqueles alumnos e alumnas que máis o precisan non van ter a atención que demandan e merecen”. “Estamos a falar tamén de que vai a haber unha éxtase de materias afíns, polo que o alumnado vai ter que estar en todos os centros do País recibindo en moitísimos casos a súa formación a través de profesorado non especialista”.

Para o deputado nacionalista, esta é unha realidade que a Xunta xa non pode ocultar, “nin o conselleiro de Educación, o señor Román Rodríguez, pode seguir metendo debaixo da alfombra”, xa que son os propios directores e directoras dos centros os que “están a dicir ‘basta xa’, presentando as súas dimisións ante a consellería “porque afirman que non é posible organizar un curso académico coas condicións de recortes e de precariedade que está a implementar o PP”.

Ante esta situación, Lourenzo insiste na posición do BNG de referenciar o inicio deste próximo curso escolar “en base ao profesorado que había contratado no curso 2020/2021”. “Debemos incorporar ao sistema educativo no inmediato, cando menos, 1.000 profesores e profesoras máis e, dende logo, hai que facer unha aposta clara e decidida polo noso sistema educativo, para que a Xunta deixe de enfocar a súa política en aras do beneficio do ensino privado e sempre en prexuízo do ensino público”, incide, para reclamar a continuación ao Goberno do PP que tamén “dea marcha atrás no seu anuncio de que non ía convocar oposicións para repoñer o profesorado no vindeiro curso. “Esiximos que para o próximo curso si teñamos oposicións de reposición para rematar con esta política de precariedade e desmantelamento do noso sistema educativo”, conclúe.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG