O BNG denunciou este xoves que o veto do PP ao Real decreto estatal coñecido como decreto omnibus faille perder a Galiza máis de 700 millóns de euros, segundo as propias estimacións do Ministerio de Facenda. A deputada Noa Presas advirte que, ademais de votar en contra das persoas pensionistas e das usuarias do transporte público, o PP “volveu votar contra o financiamento de Galiza” porque no decreto derrogado onte cos votos do PP, Vox e Junts ía tamén a fórmula para que, ao non haber orzamentos do Estado, este pague ás comunidades as entregas a conta pendentes do sistema de financiamento.
“É algo gravísimo e pediremos no Parlamento que o PP de Rueda obedeza aos intereses de Galiza e negocie directamente co Estado como ter eses recursos”, e isto pasa porque “os deputados galegos do PP escolleron ser palmeros de Feijóo en vez de defender a Galiza”. Afirmou.
E é que “estamos a falar dunha cifra importantísima”, dixo, porque “se o marco de financiamento que temos é inxusto e non cobre as nosas necesidades, tal e como denunciou o BNG e o Consello de Contas, falamos de perder 700 millóns de euros que poderían ir a reforzar a atención á saúde mental ou a aumentar as pensións non contributivas que o PP tende a conxelar”, apuntou.
Tras o decaemento destas medidas, contempladas no decreto omnibus, o BNG xa presentou unha batería de iniciativas relativas ás consecuencias para Galiza da perda das entregas a conta que lle corresponden polo sistema de financiamento. Un sistema que, tal e como se recolle nas iniciativas, xa supón para Galiza un infrafinanciamento de máis de 1,500 millóns de euros cada ano, segundo as estimacións do propio Consello de Contas.
A isto hai que sumarlle a “neglixente estratexia da Xunta de Galiza” de non negociar co Estado nin un mellor financiamento nin tampouco unha quita da débeda.
O BNG considera que esta cuestión vai afectar aos galegos e galegas e ao funcionamento dos instrumentos de Galiza e dos seus servizos públicos, polo que é urxente que o Goberno galego avalíe esta situación e reconsidere cambiar o seu papel de submisión á axenda estatal por un papel de defensa dos intereses de Galiza.
Entre as iniciativas presentadas está a de que “o Parlamento galego expresa a súa preocupación pola afectación para Galiza do bloqueo das entregas a conta pendentes do sistema de financiamento e demanda da Xunta de Galiza que poña por diante os intereses do noso País, negociando co Goberno central unha saída e comprometéndose a non afectar o financiamento dos servizos públicos ante eta perda de recursos”.
Tamén se preguntará á Xunta do PP que vai facer para favorecer o desbloqueo das entregas a conta defendendo os intereses do noso País por riba dos intereses partidarios, se ten avaliado as repercusións para Galiza no caso de non recibir as entregas a contas pendentes, e tamén polo impacto da equivalente situación nos concellos galegos. Ademais, o BNG preguntará no Parlamento polas propostas que fará o Goberno de Rueda neste ámbito e que recortes vai aplicar de non conseguir este financiamento.