A deputada e responsable de Política Social do BNG, Olalla Rodil, denunciou na Comisión 5º que o PP está desmantelando a dependencia como servizo público” e aplicando unha política asistencialista e privatizadora que, lonxe de garantir dereitos, precariza, individualiza e devolve os coidados ás casas e, sobre todo, aos lombos das mulleres.
“O PP está a desmantelar o servizo público e profesional para substituílo por asistencialismo ou privatización, devolvendo os coidados ás mulleres —que representan o 82% das persoas coidadoras— e engordando o negocio privado coa necesidade da xente” a costa do erario público, afirmou.
A nacionalista advertiu que o modelo do PP consiste en recortar servizos públicos, substituílos por “axudas pírricas” e favorecer o negocio das empresas privadas coa necesidade da xente.
Rodil sinalou que entre xaneiro e setembro de 2025 o Servizo de Axuda no Fogar perdeu 3.432 persoas usuarias e os centros de día 991, mentres que as axudas asistencialistas aumentaron en máis de 10.400. “Falamos de axudas por coidado que non chegan aos 400 euros, menos da metade do salario mínimo, e que non garanten dereitos”, criticou.
Recriminoulle ao PP que fale de liberdade á hora de escoller pero “para escoller hai que ter opcións, e o colapso do SAF fai imposible acceder a el. Que liberdade é esa na que tes que decidir entre 400 euros pírricos ou unha lista de espera?”, preguntou.
A deputada do BNG advertiu tamén que o Goberno de Rueda continúa recortando o orzamento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar, con 5 millóns de euros menos en maio e outros 12 millóns en xuño, é dicir, 17 millóns recortados en só dous meses.
“Estamos ante un servizo esencial da dependencia ao bordo da creba pola falta de financiamento, como levan denunciando os concellos galegos”, explicou. “O PP di que ningún concello que pide horas se lle negan, pero como van aumentar as horas se non teñen con que pagalas?”, cuestionou, recordando concellos en Lugo --gobernados polo PP--, ao borde da creba por esta cuestión.
Finalmente, Rodil alertou de que por primeira vez en Galicia hai máis persoas dependentes pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada. Máis de 7.700 persoas reciben unha axuda “pírrica” de entre 361 e 420 euros ao mes –o coñecido como Bono Residencia-- para pagar prazas privadas que teñen un custo medio de 2.000 euros mensuais “e subindo”, puntualizou.
Fronte a este modelo do PP, o BNG defende que as galegas e os galegos teñen dereito a unha vida digna, especialmente na vellez, un dereito que debe ser garantido a través dunha rede pública forte de servizos sociais, igual que a sanidade ou a educación.
A responsable de política social incidiu na idea de que as empresas privadas están e rematou preguntándolle ao Goberno de Rueda se, cara os orzamentos de 2026, van insistir neste “modelo de desmantelamento” ou se “por unha vez imos ter diante uns orzamentos que amplíen a rede e blindar os dereitos das persoas maiores e dependentes deste Pais”, concluíu.