Parlamento Galego

BNG denuncia no Parlamento constantes poeiras, goteiras e risco por caída de cascallos debido ás obras no Manuel Antonio

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández esíxelle á Xunta solucións alternativas que garantan o normal funcionamento das aulas neste centro integrado de FP de Vigo

A deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou no Parlamento as condicións de inseguridade para a comunidade educativa que están a provocar as reformas no centro integrado de FP Manuel Antonio de Vigo. Unhas obras que, advertiu, están a provocar constantes poeiras que afectan á calidade do ar que respiran profesores e alumnado, numerosas pingueiras, inundacións, ruídos e situacións de inseguridade por caída de cascotes.

A través dunha proposición non de lei, a deputada viguesa reclamoulle ao Goberno do PP —que non foi quen aínda de presentar un plan de prevención de riscos— que actúe de maneira inmediata para garantir o normal funcionamento das aulas deste centro educativo, no que chegou a caer o falso teito dunha aula, “sen que, por sorte, lle caese a ninguén enriba”.

É por iso que o BNG esixiu tamén a posta en marcha de maneira urxente de solucións alternativas que poñan fin ao risco dunhas obras que, subliñou, foron solicitadas pola comunidade educativa e son necesarias, pero que a Consellería de Educación non planificou debidamente para minimizar o seu impacto, provocando un “auténtico caos” e un “risco para as persoas” que se mantén tres meses despois de iniciarse o curso.

As obras (cambio de cuberta, impermeabilización e melloras na accesibilidade) “están sendo tan mal xestionadas e organizadas que se converteron nun caos e nun problema para o funcionamento do centro”, denunciou Fernández, subliñando que a situación é “tan límite” que houbo que pechar aulas do centro, o segundo con máis alumando de toda Galiza, cunha comunidade de 2.000 persoas entre estudantes e traballadores.

Problemas respiratorios

Afondando nas consecuencias que a reforma está a ter, Fernández destacou que o ruído das picadoras fai imposible dar as aulas porque se superan os niveis permitidos e que a poeira é “brutal”, con partículas en suspensión que causan problemas respiratorios. Xunto ao deterioro do material “moi caro” polo po e as pingueiras, déronse ademais situacións de gran risco para as persoas, como cascotes que se lanzaron desde o tellado ao patio e aos exteriores do centro ou residuos, algúns tóxicos, que se amorean nas aulas.

Alexandra Fernández advertiu así mesmo da preocupación que xera na comunidade educativa, que xa se ten manifestado polas condicións do centro, o risco de que haxa amianto polas obras ou o uso de determinados produtos, como un impermeabilizante que “se sabe que ten algúns riscos e incluso nalgúns países está prohibido”.

Logo de convidar aos deputados e deputadas do PP a visitar en persoa o centro para ver a situación en primeira persoa, tal e como fixo o BNG, emprazou aos populares a deixar de mirar para outro lado. Criticou, neste sentido, que até o de agora a única reposta da Xunta en mans do PP fose atacar a profesores e alumnos, con amezas de expedientes aos primeiros e con partes de orde aos segundos, e constituír unha comisión de seguimento das obras que aínda acaba de botar a andar.

“Onte mesmo houbo outra reunión desa comisión e a Xunta de Galiza segue sen facilitar o plan de seguridade”, denunciou Alexandra Fernández, que afeoulle ao PP que persista na súa actitude vetando no Parlamento a iniciativa do Bloque, na que se pedía a avaliación urxente da situación actual por parte dos servizos de prevención de riscos laborais, así como a habilitación de solucións alternativas que garantan a continuidade da actividade lectiva en condicións dignas e de seguridade.

O BNG demandou así mesmo información transparente e regular sobre o estado das obras e os prazos previstos, co fin de organizar o traballo docente con responsabilidade e antelación.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG