congreso

BNG denuncia novamente o bloqueo na tramitación para a transferencia da AP-9 á Galiza por parte do PSOE

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego exixe ao PSOE “un mínimo de seriedade” e reclama aos deputados e deputadas do PSOE en Galiza que aclaren se están a favor da transferencia da autoestrada, tal e como din defender na Galiza

A organización nacionalista quere completar a transferencia da AP-9 e pór fin á concesión para que sexa unha autoestrada galega e libre de peaxes

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia un novo bloqueo por parte do Partido Socialista á tramitación da Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Galiza. A organización nacionalista exixe ao PSOE unha rectificación e reclama aos deputados e deputadas galegas que expliquen diante da sociedade galega por que din defender a transferencia na Galiza e fan o contrario en Madrid.

“O PSOE está bloqueando a tramitación da Lei de transferencia da AP-9 á Galiza desde que en xuño de 2024 fose admitida a tramite polo Pleno do Congreso” alerta o deputado nacionalista.

Primeiramente, coa dilación sistemática que se produciu ante os aprazamentos reiterados -durante máis de 60 semanas- por parte da Mesa do Congreso até que en outubro de 2025 se fechou este prazo, após a negociación do BNG na Lei de Mobilidade Sustentábel onde conseguiu que rematasen a sucesivas prórrogas.

Desde ese momento -e xa pasaron máis de 4 meses-, aínda non foi constituída a ponencia da Lei. O deputado do BNG sinala que a comezos de febreiro nunha reunión da Mesa e Portavoces da Comisión houbo un compromiso -após telo solicitado- de que o día 25 de febreiro se fixaría nunha nova reunión a data de constitución da ponencia, mais esa reunión non se produciu. “Hoxe, 18 de marzo, houbo reunión da Mesa e Portavoces da Comisión de Transportes, mais, diante dunha nova reclamación de que se colocase na próxima semana a constitución da ponencia, máis unha vez o PSOE bloqueou esta posibilidade” denuncia Rego.

“O BNG considera absolutamente inaceptábel este comportamento do Partido Socialista que vota no Parlamento de Galiza a favor da lei de transferencia, que vén mesmo o seu Secretario Xeral do PSdeG a defendela ao Congreso, e que despois, de forma sistemática, bloquea e non permite que poida completarse a tramitación como xa fixeron na anterior lexislatura” denuncia o deputado nacionalista.

Ante esta situación, Néstor Rego reclama ao Partido Socialista “un mínimo de seriedade” e que os deputados e deputadas galegos do PSOE “que digan se lles parece normal este ninguneo permanente ao que os está sometendo o seu propio partido”.

O deputado do BNG convida o Partido Socialista e o Goberno do Estado a reflexionar e valorar “se esta actuación é de recibo e é defendíbel diante dunha sociedade galega que quere avanzar na transferencia da AP-9 e quere pór fin á concesión para que sexa unha autoestrada galega e libre de peaxes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG