O BNG denuncia "manipulación" do SERGAS nas listas de espera

A deputada do BNG, Montse Prado denunciou que o SERGAS  só declara o 40% polo que o número real de doentes en listas de espera pode ascender a 100.000

Montse Prado en rolda de prensa

A parlamentaria do BNG, Montse Prado denunciou hoxe, en sede parlamentar “a ocultación sistemática” da consellería de Sanidade sobre os datos das listas de espera e “as derivacións á sanidade privada” e afirmou que o SERGAS só declara o 40% das listas de espera polo que “ o número real de doentes pode ascender a 100.000”

 A deputada lembrou que onte durante a sesión plenaria, o BNG interpelou ao conselleiro de Sanidade sobre as verdadeiras lista de espera e a derivación de doentes da Seguridade social a centros sanitarios privados, cuestións que o titular de sanidade declinou responder.

 Por outra parte, Prado sinalou que os doentes que non aceptan ser derivados a centros privados “son excluídos” das listas , circunstancia que a consellería aproveita para “maquillar as listas de espera” e afirmar que se reducen.

Ante os medios de comunicación, a parlamentaria amosou a lista publicada na páxina web de sanidade con datos que non se corresponden coa listas reais de doentes que a propia deputada cotexou con outras listas para constatar que a consellería “minte” e “manipula” os datos.

Montse Prado

Listas de espera convertidas en sacos de almacenamento de doentes

O SERGAS, afirmou Prado, converteu as listas de espera en “verdadeiros sacos de almacenamento de doentes” con miles de persoas que permanecen anos nesas listas. En decembro do ano 2015 o SERGAS publicou na súa páxina web os datos sobre a EOXI-Verín cun total de 3.215 doentes e 43 días de media de espera pero as listas reais da Xerencia da EOXI de Ourense, recalcou a nacionalista, confirman que con data 20-2-2016 o total sitúase en 7.859 doentes e 803 en espera de máis dun ano e incluso, algún deses doentes, “levan agardando máis de 6 anos en lista de espera”.

 Para a parlamentaria, a consellería de sanidade segue mantendo “unha mentira flagrante e vergoñenta” porque a espera media declarada polo SERGAS de 43 días converteuse en “153,62 días” polo tanto, dixo, estamos a falar dunha diferenza de máis de cen días do que afirma a consellería.3

 O SERGAS só declara o 40% das persoas en lista de espera

A deputada extrapolou os datos rexistrados en Ourense para comparalos coas seis Eoxis restantes e afirmou que “se o SERGAS asegura que na actualidade existen en Galiza 37.442 persoas, 33.054 nos hospitais públicos e 4.388 de Povisa, pero só declara o 40%, estariamos ante case 100.000 persoas reais en lista de espera”.

Montse Prado tamén se referiu a unha doente incluída na lista de espera no ano 2013 que se negou a ser derivada a un centro privado, a día de hoxe oficialmente para o SERGAS, esa persoa só leva en lista de espera 86 días, período no que permaneceu na lista ata que lle comunicaron a derivación ao centro privado.

Finalmente, a deputada denunciou que o SERGAS non respecta o dereito d@s doentes a seren atendidos na Sanidade pública porque ao negarse as seren derivados á sanidade privada son “excluídos das listas de espera”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG