congreso

BNG denuncia no Congreso o procedemento de contratación do servizo de mantemento de Navantia Ría de Ferrol

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego destacou que os pregos elaborados pola empresa pública para a contratación deste servizo conteñen unha división do mesmo en oito lotes e ao mesmo tempo limitan a un máximo de dous os lotes por adxudicatario, o que suporá a fragmentación obrigada na prestación do servizo.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de instar o Goberno español a paralizar o procedemento de contratación do servizo de mantemento no centro de Navantia Ría de Ferrol e a elaboración duns novos pregos que promovan a prestación do servizo por un único adxudicatario. Iniciativa que tamén será debatida no Parlamento Galego a instancia do deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonso.

O BNG advirte que vai provocar a división do cadro de persoal que viña prestando este servizo desde o ano 2016. Os pregos elaborados pola empresa pública para a contratación deste servizo conteñen unha división do mesmo en 8 lotes e a limitación para os licitadores que concorran ao procedemento a seren adxudicatarios de máximo 2 lotes.

Néstor Rego salientou que “a ninguén relacionado co sector na comarca de Ferrol se lle escapa que este é precisamente un dos obxectivos que a dirección de Navantia persegue con estas medidas, coa intención de debilitar a capacidade de resposta dun cadro de persoal que se ten significado na defensa dos seus dereitos colectivos”.

Esta división responde a unha interpretación perversa da Lei de Contratos do Sector Público que, aínda que permite a división, establece que non se aplique cando a realización independente das prestacións dificulte a correcta execución do contrato do punto de vista técnico, ou que o risco para esa correcta execución proveña da necesidade de coordinar as diferentes prestacións realizadas por unha pluralidade de contratistas diferentes. “Resulta evidente que a prestación do servizo de mantemento, básico para a produción, por distintos contratistas vai causar discrepancias, descoordinación e retrasos. Non hai causas técnicas nin xurídicas que avalen esta división, só pode apreciarse un intento de penalizar ao cadro de persoal e por en risco a súa continuidade” declarou Rego. “Tamén avala esta tese que o centro de Navantia Ría de Ferrol sexa o único que licita o contrato por lotes, mentres que o resto seguen a manter a unidade no servizo” continuo o deputado nacionalista.

En definitiva, o BNG considera que non existe xustificación para a fragmentación en lotes do contrato, e entende que debe apostarse pola prestación do servizo a través de un único adxudicatario, pois favorece a polivalencia funcional do persoal, evita a subactividade e ao mesmo tempo reduce os custos indirectos de estrutura. É dicir, implica unha maior estabilidade no emprego para os traballadores e traballadoras, e unha garantía de calidade na prestación do servizo. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG