A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para exixir á Consellería de Educación que revise urxentemente o modelo das probas de diagnóstico, que comezaron hoxe nos centros educativos de Galiza e que están a xerar “un caos organizativo e pedagóxico” debido á súa implantación exclusivamente dixital.
Esta edición das probas, que se realizan en 4º de Primaria e 2º da ESO, introduciu como principal novidade a realización íntegra nunha plataforma dixital. Porén, sindicatos como a CIG xa viñan denunciando que os centros non recibiran información suficiente nin garantías técnicas para afrontar o cambio.
Segundo as queixas recollidas por sindicatos e na propia comunidade educativa, o desenvolvemento das probas de diagnóstico en formato dixital está a evidenciar graves carencias materiais e de formación: falta de ordenadores suficientes nos centros para todo o alumnado que debe examinarse simultaneamente; problemas de conexión coa rede da Xunta de Galiza ao realizaren as probas á vez tantos estudantes; e falta de competencias dixitais no alumnado de 4º de Primaria, que, segundo o propio currículo, non emprega habitualmente medios dixitais ata 5º, o que converte a avaliación nun obstáculo técnico e non nunha ferramenta pedagóxica.
“Estamos a falar de nenos e nenas de 9 e 10 anos aos que se lles exixe que manexen unha contorna dixital para a que non están formados, mentres os centros carecen de recursos técnicos básicos. Isto non é unha avaliación, é unha fonte de estrés e exclusión”, denunciou Fernández Davila.
A deputada lembrou ademais que o profesorado é o encargado de aplicar e corrixir estas probas sen redución do seu horario lectivo, cunha sobrecarga xa evidente neste período do curso. “A Consellería inviste en dixitalización mentres non amplía os cadros de persoal docente, de apoio, orientación ou coidado. Isto é un despropósito”, engadiu.
O BNG insta o goberno galego a paralizar a aplicación deste modelo, a dotar os centros dos medios materiais e persoais necesarios, e a recuperar unhas probas con utilidade pedagóxica real que non colapsen a actividade lectiva nin xeran máis desigualdades.