A portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil denuncia a “estratexia privatizadora do Partido Popular no ensino”. A parlamentaria sinala que a Orde publicada no DOG o pasado luns, 12 de agosto, aproba a creación de 31 unidades máis na escola privado-concertada para o curso 2018/2019, “16 máis que as creadas o pasado ano” e que os concertos estarán blindados até 2022/2023 nunha clara “aposta do PP por privatizar o ensino público galego”.
En concreto, explica a nacionalista, serán “7 unidades en Infantil, 4 unidades en Primaria, 9 en Educación especial, 3 en FP Básica, 8 en FP superior”. Entre tanto, o Goberno de Feixóo suprimiu para o vindeiro curso académico 54 unidades no ensino público, a maior parte delas na Coruña e Pontevedra. O peche destas aulas suporá a perda de 58 docentes, maioritariamente nas especialidades de Educación Infantil e Primaria.
Unha vez máis, manifesta Rodil, “a Xunta do Partido Popular pon en evidencia a súa aposta polo ensino privado, como vén denunciando o BNG con grandes inxeccións de diñeiro público para centros que nalgún casos segregan o alumnado por razón de sexo”.
Cómpre lembrar que en abril de 2017 o Goberno de Feixóo blindou os concertos educativos durante seis anos (até o curso 2022/2023) máis alá do exixido pola propia LOMCE e suprimindo criterios para valorar a aprobación dos concertos como “o principio de coeducación”, medida contraria ao Plan de Igualdade para o ensino aprobado pola Xunta no ano 2016.
Para a deputada nacionalista, “o diñeiro público debe ser destinado a mellorar as condicións da escola pública”, que é, recalca, un dereito universal e non para “engordar as unidades coa privada concertada”.