parlamento europeo

BNG defende que as estatísticas pesqueiras da Comisión Europea inclúan as variables socioeconómicas

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda: “A recollida de datos non pode implicar un aumento da carga administrativa dos mariñeiros, tal e como demanda o sector en Galiza”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar as emendas ao informe sobre estatísticas na pesca na UE, do que a eurodeputada galega é a relatora polo grupo Verdes-ALE, nas que subliña que as estatísticas pesqueiras deben incluír as variables socioeconómicas como xénero, idade, estudos e nivel de ingresos. “Ter en conta estes datos é fundamental para o sector pesqueiro galego”, apunta.

“Trátase dun informe técnico que vai marcar o que se mide na pesca, e o que se mide é o que nos permite facer unha política responsábel e adaptada á realidade”, explica Ana Miranda en relación ao informe, ao tempo que sinala que é fundamental que se tomen en consideración os tres piares do desenvolvemento sostíbel, o ambiental, o social e o económico.

Pese a recoñecer a importancia de que as estatísticas pesqueiras teñan en conta as variables socioeconómicas, a eurodeputada galega subliña que a recollida de datos estatísticos “non pode implicar un aumento da carga administrativa dos mariñeiros, tal e como demanda o sector en Galiza”.

Calidade da auga

Neste sentido, o documento presentado indica que “As estatísticas ás que se fai referencia (...) incluirán datos socioeconómicos como o xénero, a idade, a educación e os ingresos, entre outros, e parámetros ambientais que permitan avaliar as interaccións entre as actividades pesqueiras e de acuicultura e os ecosistemas mariños, incluídos os impactos nos hábitats mariños, a biodiversidade e a calidade da auga. A recollida de dita información basearase, sempre que sexa posible, nos sistemas de seguimento existentes, nas fontes de datos administrativos ou nos marcos de información ambiental establecidos no marco do dereito da Unión, sen aumentar ao mesmo tempo a carga administrativa dos pescadores e dos operadores”.

Como se deduce do texto, outro elemento relevante para a eurodeputada galega refírese precisamente á relación entre as actividades pesqueiras e a calidade da auga. “Non podemos esquecer que da calidade da auga depende o mantemento de boa parte do sector pesqueiro e marisqueiro galego”, lembra Miranda, en relación a preocupación existente no sector pola baixada da salinidade nas rías galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG