A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Carreira, criticou na Comisión 5.ª Sanidade, Política Social e Emprego a decisión da Xunta do PP de financiar a compra dun inmóbel para o centro de día de Teo. Carreira cuestionou a idoneidade do edificio escollido —unha nave industrial abandonada nunha rúa estreita e pouco accesible— e o procedemento de adquisición directa, sen concurso público.
"Despois de máis dunha década de rexeitar este proxecto, a Xunta apoia agora unha solución inapropiada e opaca", destacou a deputada. O BNG leva anos reivindicando un centro público en Teo, recordando que en 2009 xa existía un proxecto avanzado nunha parcela adecuada, cancelado polo goberno de Núñez Feijóo.
Carreira cuestionouse por que se descartou a parcela das Galanas, xa aprobada en 2008, ou como se xustifica dende a Xunta a adquisición directa, deixando ao Concello como propietario minoritario (47%) do inmóbel.
A deputada nacionalista denunciou ademais a falta de transparencia: "A alcaldesa di que técnicos da Xunta avalaron o inmóbel, pero non mostran ningún documento. Isto é unha chapuza que prioriza intereses políticos sobre as necesidades dos maiores de Teo, onde 22% da poboación supera os 65 anos".
O BNG exixe que o centro sexa 100% público, xestionado pola Xunta, e que se garanta unha infraestrutura digna e legal. "Non aceptaremos pelotazos disfrazados de política social", concluíu.