BNG aposta por medidas que incrementan a autonomía financeira de Galiza e permitan un acordo de País

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón pide a Feixóo que rectifique a súa estratexia: “O resultado do seu cumio de presidentes é que ganan todas as comunidades menos Galiza”Propostas: subir a cesión do IVE e do IRPF ao 90%, transferir o imposto de sociedades e que tributen aquí as empresas con actividade no País

En plena negociación do novo sistema de financiamento autonómico, o BNG avanza que acudirá á comisión parlamentaria de estudo con ánimo construtivo e vontade de chegar a un acordo de País, co obxectivo de que Galiza gane e deixe atrás un modelo que a discrimina.

Tras un encontro con economistas, a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou as propostas que levará á comisión, medidas concretas que darían maior soberanía financeira: aumentar até o 90% a cesión do IVE e o do IRPF, reclamar a cesión do imposto de sociedades, establecer que as empresas con actividade produtiva en Galiza tributen aquí a parte que lles corresponda, -por exemplo ás eléctricas-, e medidas que permitan avanzar nunha fiscalidade verde ante o reto da emerxencia climática.

“No BNG temos claro que o mellor é que Galiza teña a chave do 100% dos seus recursos, esa é a nosa posición e non imos renunciar a ela, pero no camiño para ter unha maior autonomía fiscal hai que ir dando pasos e sabemos que esa non é a proposta que vai defender Feixóo. Por por iso imos levar medidas que nos permitan conseguir que, aínda no actual marco, Galiza non volva perder”, explicou Pontón, “somos realistas, sabemos en que marco nos imos mover nesta negociación e imos facer propostas tamén para mellorar a posición do País, incluso neste marco”.

A líder nacionalista mostrou a súa preocupación pola estratexia de Feixóo sobre este asunto, plasmada no chamado cumio de presidentes celebrado en Santiago coa presencia de sete comunidades autónomas.

“Despois do seu cumio autonómico resulta que recibimos a proposta do Goberno central para un novo modelo de financiamento e ganan todas as comunidades autónomas que acudiron a ese encontro menos Galiza”, denunciou, “insisto, Feixóo convoca unha reunión supostamente para defender os intereses do País en materia de financiamento, pero o resultado é que todas ganan co novo modelo que prepara o Goberno central menos Galiza, que sae peor parada que co sistema actual”.

De feito, coa proposta remitida polo Ministerio de Facenda, Galiza perdería un 2,7%, mentres que dúas das comunidades presentes nese cumio, Estremadura e Aragón son as que saen máis beneficiadas. E tamén melloran a súa posición Asturias, Cantabria, A Rioxa, Castela-A Mancha, e Castela-León.

“Así que me pregunto, que clase de estratexia é a que ten en marcha o presidente da Xunta tendo en conta que o resultado é que todas as comunidades ganan menos Galiza. Desde logo, a conclusión é que a súa estratexia é un desatino á vista dos resultados, pois en vez de aportar máis recursos, resta”, argumentou a líder do Bloque, quen pediu ao presidente da Xunta “que rectifique a súa estratexia” e  poña sobre a mesa propostas a favor do País, “como as que imos levar á comisión parlamentaria de financiamento, porque o obxectivo ten que ser sacar adiante un modelo que lle permita a Galiza maior soberanía fiscal e financeira”.

Estamos ante un asunto de máxima importancia porque se trata, en definitiva, dos recursos para sufragar a sanidade, a educación, os servizos sociais, para preservar o medio ambientes ou para poñer en marcha políticas activas de emprego, “polo tanto non estamos falando dunha abstracción senón de cuestións moi concretas que afectan á vida de todos e todas”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG