BNG amosa o seu apoio ás alumnas do colectivo "Un segredo a voces" para reclamar un ensino libre de violencia machista

Grupo parlamentar
Grupo parlamentar

En véspera do 25N, Día internacional contra a violencia machista, o BNG traslada todo o seu apoio ao colectivo Un segredo a voces, posto en marcha por alumnas da Escola Superior de Arte Dramático (Vigo) para denunciar a violencia de xénero e reivindicar o seu dereito a un ensino libre de acosos, de actitudes machistas e, en definitiva, libre de violencia contra as mulleres polo mero feito de selo.

A petición do propio alumnado impulsor do colectivo, o grupo parlamentario do BNG púxose a camiseta emblema da súa reivindicación dunhas aulas libres de violencia de xénero, desde o convencemento de que a inmensa maioría dos espazos docentes son lugares seguros e libres, pero para reivindicar igualmente que non pode haber ningunha excepción en ningún centro e baixo ningún concepto se pode amparar, facer a vista gorda ou eludir a responsabilidade de atallar de raíz calquera tipo de comportamento machista, veña de onde veña.

Para a formación nacionalista, a violencia contra as mulleres é un problema social de primeira magnitude que hai que combater en todos os ámbitos e en todos as frontes e que non pode pasar a un segundo plano nesta crise porque está en xogo o benestar, o desenvolvemento persoal e as aspiracións da metade da poboación e porque está en xogo o dereito das mulleres a vivir a súa vida plenamente, en liberdade e como cada unha decida.

Con motivo do 25N e, como cada ano, o BNG presentou a súa campaña nesta ocasión baixo o lema  A violencia machista segue aí, tamén en tempos de pandemia coa pretensión de transmitir á sociedade a dobre mensaxe de que non se pode tolerar que a COVID faga invisible este problema e que a loita continúa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG