BNG alerta do “deterioro estrutural” en cinco centros educativos de Ames e exixe á Xunta actuacións urxentes

Saleta Chao
Saleta Chao
Saleta Chao denuncia filtracións, humidades e problemas de accesibilidade que afectan á seguridade e salubridade de alumnado e profesorado

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, reclamou hoxe á Consellería de Educación un plan de intervención integral para varios centros educativos do concello de Ames, ante as “graves deficiencias estruturais” que arrastran e que, segundo dixo, “afectan á seguridade, salubridade e benestar” da comunidade educativa.

Durante a súa intervención na Comisión de Educación, Chao puxo o foco en cinco centros: a Escola de Educación Infantil do Milladoiro, o CEIP de Ventín, o CEIP da Maía, a unitaria da Igrexa e o CEIP de Barouta. Entre as principais problemáticas, a deputada destacou “filtracións e humidades persistentes, cobertas en mal estado, falta de accesibilidade, riscos en caso de evacuación, e mesmo portas de baños en mal estado que afectan á privacidade do alumnado”.

Chao lembrou que Ames é un concello “en crecemento demográfico, con moita infancia e adolescencia, e cun saldo educativo positivo”, polo que considerou “inaprazable” que a Xunta de Galiza actúe tanto na construción de novas infraestruturas –como o novo colexio do Milladoiro– como na “conservación e acondicionamento das xa existentes”.

A deputada nacionalista criticou que a Consellería de Educación “non complete actuacións iniciadas, como a substitución da cuberta do Milladoiro, ou ignore demandas que se levan facendo dende 2019 no colexio da Maía”. Tamén rexeitou que o secretario xeral técnico da Consellería puxese en cuestión a lexitimidade do seu labor de fiscalización: “Vimos porque as comunidades educativas nos trasladan unha realidade. O noso traballo é controlar e preguntar que está a facer a Xunta”.

Finalmente, Saleta Chao instou a Vicepresidencia e Consellería de Educación a diagnosticar e executar “con urxencia” as reparacións estruturais necesarias, e pediu “coordinación real entre a Xunta e o concello de Ames” para evitar que as competencias se crucen e se dilaten as solucións. “Non é mantemento cambiar unha cuberta que filtra en todo o centro; é unha actuación estrutural. E desa é responsable a Administración educativa”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG