A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Ariadna Fernández, denunciou no Parlamento que o Goberno de Rueda está a aplicar “medidas racistas” na atención aos nenos, nenas e adolescentes non acompañados que chegan ao noso país, ao separalos “polo seu lugar de procedencia” e “pola súa cor de pel”. Fernández referiuse explicitamente aos casos de Monforte e Burela para criticar a creación de “centros específicos para nenos e nenas migrantes”, unha estratexia que, na súa opinión, non é máis ca “unha manifestación clara do que vostedes mesmos son”.
“Segregar por cuestión de orixe é racismo. Poden vostedes vestilo como queiran, pero están separando uns doutros”, sentenzou a deputada, quen tamén reprochou ao Goberno de Rueda que continúe “coa matraca de que estes nenos e nenas saturan o sistema de protección”. Salientou que “o sistema está saturado fai moito tempo” por mor do “descoido” e do “infrafinanciamento” crónico da Xunta, e non pola chegada de menores migrantes.
Fernández subliñou a “obriga moral e histórica” de protexer estes rapaces, que chegan “escapando de situacións que a ningún de nós lle gustaría vivir” e que se atopan nunha “situación de extrema vulnerabilidade”. Neste senso, criticou que a Xunta se negase inicialmente a prestar solidariedade a Canarias e que agora “culpe a nenos que chegan en caiuco do seu propio maltrato ao sistema”, unha actitude que cualificou de “cruel” e “triste”.
A deputada do BNG exixiu á Consellería de Política Social que asuma as súas responsabilidades e remate coa “falsa idea de que existe unha ameaza”. Para iso, reclamou máis recursos, máis prazas públicas, máis familias acolledoras e transparencia nos datos, xa que as “últimas cifras oficiais son do 2023”. “Aproveiten e voten a favor, fagan o seu traballo e asuman as súas competencias”, concluíu. O Partido Popular votou en contra da iniciativa nacionalista que tentaba mellorar a situación dos nenos, nenas e adolescentes non acompañados que chegaron a Galiza.