Parlamento Galego

BNG acusa á Xunta do abandono do CEIP Chans Bembrive e exixe a retirada inmediata do amianto e a reforma do centro

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández denunciou a “situación límite” do colexio vigués e alerta dos riscos para a saúde e seguridade do alumnado e do profesorado

“A Xunta prometeu que as obras se farían no verán de 2024, compromiso que foi completamente incumprido” salientou

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, denunciou na Comisión 4.ª de Educación e Cultura a situación de abandono e deterioro que sofre o CEIP Chans Bembrive, na cidade de Vigo. Fernández instou ao á Xunta a actuar de maneira inmediata para resolver “un problema de saúde pública, seguridade educativa e dignidade institucional”.

Durante a súa intervención, a deputada do BNG denunciou que “a cuberta do centro segue a ser de fibrocemento con amianto, un material perigosísimo cuxo uso está prohibido dende hai anos, e que supón un risco directo para a saúde do alumnado e do profesorado”. Ademais, relatou que “as filtracións constantes cando chove están a afectar instalacións eléctricas, deteriorando o inmoble e provocando perdas de material escolar e mobiliario”.

A situación foi denunciada repetidamente pola ANPA do centro, que só neste curso rexistrou máis de 250 escritos reclamando unha intervención. Fernández advertiu que “a resposta da Xunta foi o silencio máis absoluto, mesmo despois de prometer que as obras se farían no verán de 2024, antes do inicio do curso 2024-2025, compromiso que foi completamente incumprido”.

A deputada nacionalista tamén puxo sobre a mesa outras deficiencias estruturais como a carpintería exterior sen rotura térmica, que xera problemas de eficiencia enerxética nas aulas. “Estamos ante un exemplo claro de discriminación institucional contra a escola pública e contra a cidade de Vigo”, afirmou.

O BNG xa presentou múltiples iniciativas no Parlamento para corrixir esta situación, incluída unha proposta recente que recollía deficiencias en máis de 20 centros educativos da cidade, entre eles o CEIP Chans Bembrive. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG