parlamento galego

BNG acusa a Educación de "deixar na cuneta" ao alumnado con necesidades especiais e de "disfrazar" a falta de profesores

Cristina Fernández
Cristina Fernández
Cristina Fernández Davila insta ao conselleiro eliminar as restricións "excepcionais" aos apoios e a garantir os recursos recomendados polos informes de orientación

A portavoz de Educación do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, criticou hoxe ao conselleiro Román Rodríguez pola novas instrucións para o curso 2025/26, que "limitan o acceso do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) aos efectivos docentes e especialistas que precisan", cualificando as medidas de "moi excepcionais" como un ataque ao "benestar e avance educativo" deste colectivo.

Durante a súa intervención, Fernández Davila recordou ao conselleiro a declaración da propia Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que afirmou que "ese alumnado máis vulnerable é no que temos que pensar". "Así de simple", puntualizou a deputada, "só terían que asignar a cada centro o profesorado ou especialistas que precisan: PT preferente dentro da aula, sesións semanais... Nin máis nin menos. É o que precisan, o que merecen e é un dereito".

Non obstante, denunciou que a Xunta "decide facer exactamente o contrario": asignar profesorado "por debaixo do catálogo oficial", facendo "desaparecer os especialistas en PT e AL", deixar sen cubrir 800 prazas docentes e ofertar 273 vacantes a media xornada dos Plan MEGA e PROA+. Unha situación que, segundo os datos aportados, se agrava cunha baixada constante do número total de docentes nos orzamentos da Xunta desde 2009.

Nunha segunda intervención, a deputada nacionalista acusou á Consellería de Educación de "disfrazar os datos" e de "ocultar que hai menos profesorado que nunca, en aulas masificadas". Sinalou que este curso non se contrataron 142 docentes de Pedagoxía Terapéutica e que o profesorado de apoio se contrata a media xornada, "colocando ás docentes na precariedade laboral", mentres se "financia o ensino privado con concertos de 350 millóns de euros".

Fernández Davila alertou de que a comunidade educativa está "en pé de guerra" e listou numerosos centros de toda Galiza –de Ponteareas, Santiago, Rianxo, Vigo, Moaña, Mos, Ribeira ou Cee– que comezaron o curso sen o persoal necesario, con mobilizacións de equipos directivos, ANPAs e asociacións para reclamar os recursos que garantan a atención á diversidade. "Deben reconsiderar as súas decisións, porque delas depende o futuro deste alumnado, que non ten nada doado o seu paso polo sistema educativo", rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG