Parlamento Galego

BNG acusa ao PP de condenar o sector da automoción a unha nova catástrofe industrial

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández defende a creación dunha mesa galega da automoción para deseñar unha estratexia de país ante a crise do sector

O deputado nacionalista critica que o PP votase en contra dunha proposta "imprescindíbel para garantir o futuro industrial e o emprego en Galiza"

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, denunciou na Comisión 6ª, de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, que o voto en contra do Partido Popular á proposición non de lei presentada polo BNG para impulsar unha Mesa Galega da Automoción amosa a súa "irresponsabilidade e falta de visión de país" nun momento crítico para o sector.

Fernández advertiu de que a crise aberta no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG), que anunciou o despedimento de 150 traballadores e un ERTE para o resto do persoal, "é un síntoma claro da crise estrutural que atravesa a automoción galega". "Non é un caso illado —dixo—, é o reflexo dun modelo de xestión do PP que xa provocou outras catástrofes industriais no noso país, como no sector naval da ría de Vigo".                                                                                         

O deputado nacionalista sinalou que o PP actúa como “palangana de Stellantis”, permitindo que Galiza dependa dun único gran fabricante "mentres a empresa anuncia investimentos millonarios noutros países e deixa aquí despedimentos e precarización". “Despedimentos na Galiza e investimentos nos Estados Unidos, esas son as dúas caras da planificación de Stellantis e da pasividade da Xunta”.

O BNG defendeu a creación dunha Mesa Galega da Automoción que reúna ao conxunto do sector —empresas, sindicatos, clúster, universidades e administracións— para elaborar unha diagnose compartida, identificar necesidades e definir unha estratexia industrial galega orientada á creación de emprego digno e estable. “Todos os países loitan por atraer investimentos, pero a Xunta de Rueda prefire mirar para outro lado mentres o sector se desangra”, afirmou Fernández.

O deputado concluíu advertindo que “a negativa do PP a constituír esta mesa é unha irresponsabilidade histórica” e reclamou á Xunta que exerza o seu papel de goberno “con altura de miras, sen sectarismo e con verdadeira visión de país, porque estamos ás portas dunha nova crise industrial que Galiza non pode permitirse”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG