BNG acusa ao Director xeral de Asistencia Sanitaria de maquillar os datos das listas de espera do SERGAS

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira pide que se publiquen as “listas non estruturais reais” e os datos dos custes das derivacións de pacientes da sanidade pública a centros concertados

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a  portavoz de Sanidade hospitalaria do BNG, Iría Carreira afirmou que o Partido popular coloca á sanidade pública nunha situación “dramática” e ao borde do precipicio no que atinxe ás listas de espera.

Na súa intervención explicou que os datos sobre as listas de espera, a finais do segundo trimestre de 2021, era de  262 persoas con máis  de 12 meses de espera por unha intervención cirúrxica e 1.937 entre seis a doce meses, en total 40.316 pacientes agardando por unha cirurxía.  A finais de decembro de 2021, os datos xa reflectían  43.194 pacientes agardando por unha intervención cirúrxica, 3.455 con máis de  6 meses de espera. A media pasou de 54.5 días en decembro de 2019 a 77 días en decembro de 2021. “O número de pacientes que esperan máis de 6 meses multiplicouse por 10 en dous anos”. Neste liña preguntou cantos pacientes se derivaron á sanidade  privada nos últimos anos e con que  gasto.

Tras a intervención do Director xeral de Atención Sanitaria, Jorge Boal, a nacionalista acusou ao membro do goberno de “retorcer os datos” e practicar “unha política de ocultación”. Os datos do propio SERGAS do 30 de xuño de 2021, na área sanitaria de Santiago Barbanza, no servicio de uroloxía, afirmou, non teñen  ningún paciente rexistrado no apartado de máis de 12 meses sen embargo, temos o exemplo dun paciente en lista de agarda con 596 días. A existencia deste caso é como para poñer en dúbida os datos que o SERGAS fai públicos, aseverou.

A xuízo da deputada, o goberno utiliza os datos segundo  a súa conveniencia, porque se os datos non son positivos “non se publican”. Vostedes recalcou a nacionalista, “seguen negando a realidade” e para que as pacientes “non se indignen” cando teñen unha consulta para un especialista hospitalario no  ano 2023 non se lles ofrece ningunha data pero deben permanecer  pendentes dunha chamada por se hai un  oco.

Concretamente na Xerencia  de Compostela, o habitual e que as citas “aparezan rexistradas en buzón para asignar unha data” e desta maneira “tamén aforran as protestas dos pacientes”.

Por outro lado, engadiu,  existen pacientes dados de alta no hospital que marchan se terlle asignado unha cita para consulta, “unha vulneración dos dereitos do paciente que deben ser informados e informadas das súas próximas citas para ser atendidas”.

“O retoque e a maquillaxe é algo que a este goberno lles gusta  moito” pero xa non lles chega a “chapa e pintura” para disimular o “desastre” da sanidade pública. O propio conselleiro de Sanidade e Núñez Feixóo non tiveron máis opción que recoñecer “o colapso de Atención primaria” e hai unhas semana o Xerente do SERGAS “admitiu que até o ano 2023 non se recupera a lista de espera con datos de prepandemia”.

Dende o ano 2013 consolidouse a derivación de pacientes á sanidade privada para realizar probas diagnósticas o cirurxías, e baixo a escusa deste “paraugas legal” non foron contratadas novas profesionais na sanidade pública. Ademais, esta derivación non reduciu as listas de espera polo que preguntou ao Director de Atención hospitalaria cantos pacientes foron derivados nos últimos anos e cal foi o gasto real. Coa  aprobación desta lei establecéronse dúas clases de listas de espera, as estruturais nas que máis o menos se cumpren os prazos e as “non estruturais” que non se publican porque entran os pacientes que rexeitan a derivación a un centro concertado ou a data ofertada pero no momento que entran nesta lista “desaparece” a obriga da prestación sanitaria nun tempo máximo.

Cal é o número de pacientes rexistrados nas listas non estruturais, preguntou a nacionalista e sobre todo, cando se van  facer públicas?

Neste sentido lembrou que a  Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño tense referido a esta problemática e nos seu informe de  2020  critica a “particular situación daqueles doentes que estando na lista de espera estrutural para ser intervidos dunha patoloxía, xeralmente con prioridade tres, rexeitaban a oferta dun centro concertado.

Fernández Galiño recomenda que os pacientes que rexeiten a oferta dun centro concertado teñen dereito a recibir unha asistencia sanitaria na súa comunidade autónoma de residencia nun tempo máximo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG