Parlamento Galego

BNG achaca á desastrosa xestión do PP os problemas que afectan á sanidade “de norte a sur” do País durante este verán

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado empraza o conselleiro a “poñerse a traballar” porque o seu tempo como interino xa pasou e “non pode facer tan só de comentarista”

Critica que Sanidade intente normalizar esperas de dez ou quince días “como mínimo” para obter unha cita co/a médico/a de Atención Primaria

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, achacou á “desastrosa” xestión do PP na Xunta e á falta de planificación a “desfeita” na que se atopa a sanidade galega durante os meses de verán, con problemas na atención primaria e hospitalaria que afectan ao conxunto do País, “de norte de sur e de este a leste”.

“Unha política sanitaria baseada na mentira permanente, en negar a realidade e en non poñer ningunha solución só pode ter un resultado, que as galegas e os galegos non teñen garantida a asistencia sanitaria, nin a ordinaria nin a urxente”, advertiu a deputada nacionalista, quen emprazou ao conselleiro Sanidade a rectificar o seu “non plan” de verán e a poñerse a traballar porque “o seu tempo de interino na Xunta xa pasou” e ten que exercer como máximo responsable do Sergas, “non só como comentarista”.

Montse Prazo convidou ao conselleiro a percorrer os centros sanitarios do país e a escoitar a profesionais e doentes para coñecer a “desfeita” que os 16 anos de política do PP están a facer na sanidade pública e os problemas que “con nome e apelidos” sofren os doentes do País.

Problemas como os que se están a dar nos centros de saúde en Viveiro, con seu cadro de persoal case reducido á metade; na Guarda, onde hai que esperar até tres semanas para conseguir unha cita; en Cervo, onde están sen médico; ou en Vigo, con demoras tamén de 15 días. Tamén en Catoira (só un médico a media xornada e sen pediatra); Vilalba (4 facultativos menos); Redondela (máis de dúas semanas para obter cita e máis dun mes para analíticas); Lalín (sen atención á saúde mental desde hai tres meses); ou Fornelos ou Pazo, sen ningún médico.

Entre outros exemplos, referiuse ademais á ausencia de reforzos nos PAC, á falta de ambulancias ou á situación nos servizos de urxencias hospitalarias, como a do Álvaro Cunqueiro, con picos de máis de 600 doentes ao día.

“Non hai aumento de profesionais nin sequera nas zonas de máxima afluencia turística”, denunciou, para criticar que dende a Consellería intenten “normalizar” que para obter consulta nun centro de saúde sexa necesario agardar dez ou quince días, dixo, negando a cifra de 6,5 días de espera media aportada polo conselleiro, que mesmo chegou a dicir que as demoras son máis altas do que lle gustarían.

“No BNG parécenos moi ben ter un conselleiro que fai de comentarista, pero é o responsable da sanidade do País”, afirmou para reclamarlle que rectifique co obxecto de garantir unha atención sanitaria digna aos galegos e as galegas, poñendo recursos e deixando atrás 16 anos dunha política que busca desmantelar o servizo público para beneficiar o negocio privado “das empresas amigas do PP”.    

A portavoz de sanidade do BNG cualificou ademais de “falso” o relato de que no verán fan falta menos recursos porque hai menos patoloxías. “É certo que hai patoloxías que son menos frecuentes nestes meses, pero aumentan outras, hai máis accidentes e hai outros problemas derivados do aumento de poboación”, manifestou. Diante dos argumentos da Consellería para xustificar o recorte de camas hospitalarias —arredor de 750 este ano— aclarou que “as camas, por si soas, non atenden aos doentes, é necesario persoal”.

Tampouco é certo, engadiu, que o problema sexa que non hai médicos porque, á marxe da responsabilidade que ten a Xunta na falta de facultativos/as que contratar, “o certo é que tampouco están contratando outros profesionais necesarios en enfermería, fisioterapia, matronas, TCAES ou celadoras”.

“Os galegos e as galegas en xeral e os profesionais da sanidade pública teñen acendido o botón vermello do pánico diante da situación sanitaria”, denunciou, alertando de que, se ben os problemas agrávanse durante o verán, xa son tónica xeral ao longo de todo o ano. “A asistencia sanitaria estase prestando grazas ao sobre esforzo dos profesionais, con prolongacións de xornadas, intersubstitucións ou quendas a maiores”, sostivo.

É por iso que esixiu unha rectificación na falta de planificación da Consellería, a que reclamou ter operativos todos os recursos sanitarios (camas, quirófanos e probas diagnósticas) e contratar máis persoal, a comezar por aquelas categorías nas que si hai profesionais dispoñibles.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG