Congreso

O BNG abstense para non obstaculizar a prórroga do estado de alarma, mais discrepa nas medidas adoptadas polo Goberno central

Néstor Rego subliñou que o BNG sempre tivo claro que o obxectivo principal é salvar vidas e que iso está por diante de calquera obxectivo político.

O BNG defende que o ámbito de decisión na fase de desconfinamento progresivo debe ser Galiza, a partir dos criterios xerais que puider marcar o Goberno central ou do seu papel de coordinación.

O deputado Néstor Rego salientou na súa intervención no Congreso que a posición do BNG é favorábel á continuidade  do Estado de alarma, pois aínda discrepando nas medidas de desconfinamento tomadas polo Goberno central, “estamos de acordo en que debe continuar para acabar de controlar a pandemia”.

Rego subliñou que o BNG sempre mantivo unha actitude construtiva e de apoio ao estado de alarma porque “sempre tivemos claro que o obxectivo principal é salvar vidas e que iso está por diante de calquera obxectivo político”. E enfatizou que o mantivo a pesar de que o Goberno non sempre actuou con ese criterio, de que non tivo en conta as propostas presentadas polos nacionalistas galegos ou o fixo de forma tardía e insuficiente, como na paralización da actividade económica non esencial.

Con todo, sinalou Néstor Rego que “hai maneiras e maneiras” de organizar o Estado de alarma e lembrou que xa que en anteriores ocasións o BNG discordou da xestión que estaba realizando o Goberno e de decisións concretas como a centralización e a usurpación de competencias ás Comunidades Autónomas. “E non xa por razóns políticas, senón por razóns sanitarias, por ser negativa para a eficacia práctica do operativo contra a epidemia” subliñou o deputado nacionalista.

“Fíxense en que estado colocaron a cuestión que, fronte a un goberno de partidos que se din autonomistas -e de vez en cando mesmo federalistas- que se empecinan en centralizar, somos as forzas políticas soberanistas, que non estamos a favor do modelo autonómico porque o noso obxectivo é a soberanía das nosas nacións, as que estamos defendendo aquí as competencias autonómicas. No noso caso, non os xestores, senón as institucións nacionais do noso país, de Galiza” explicou o deputado do BNG.

O BNG entende que os criterios marcados polo Goberno español evidencian o descoñecemento da realidade da Galiza, moi diferente a outros territorios do Estado. Néstor Rego destacou que “temos unha forma diferente de habitar o territorio que nunca entenderon en Madrid e parece que este goberno segue sen entender”. E preguntou enfaticamente a Pedro Sánchez se tiveron en conta que a Galiza ten máis de metade dos núcleos de poboación do Estado como resultado do hábitat disperso que provoca que moitos concellos que superan amplamente os 5.000 habitantes non posúan ningún núcleo que se aproxime a esa cantidade.

O deputado nacionalista colocou isto como exemplo da inadecuación ao noso País dos criterios do goberno español, ao igual que acontece coa provincia como ámbito de xestión. Por iso, a xuízo do BNG, o ámbito de decisión na fase de desconfinamento progresivo debe ser Galiza, a partir dos criterios xerais que puidera marcar o Goberno español ou do seu papel de coordinación.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG