A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou no Parlamento o dereito das persoas maiores a unha vellez digna independentemente da súa capacidade económica e do lugar onde residan, un dereito que o Goberno do PP está a vulnerar, denunciou, elevando as esperas pola dependencia a 393 días, máis do dobre do que marca a lei.
“Queremos unha Galiza na que todas as persoas teñan unha vellez digna, vivan onde vivan e teñan os cartos que teñan”, reclamoulle na sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que advertiu que non pode haber persoas maiores de “primeira e de segunda” no que o seu dereito a unha vellez digna dependa “de cantos recursos ten a súa familia”.
Pontón recriminou a Rueda que o único que lle ofrece á cidadanía no ámbito da dependencia é “propaganda” e, neste sentido, lembrou que dende que anunciara o seu plan para reducir as listas de espera en decembro de 2024, o tempo de agarda subiu aos 393 días, unha semana máis do que había que esperar antes do seu “titular propagandístico” e o número de persoas agardando por unha valoración de grao, pola resolución de axudas ou polo acceso á prestación á que teñen dereito situouse nas 2.874 persoas, 125 máis que antes do anuncio do titular do Executivo.
“A dura realidade fronte á súa propaganda, que é o que lle ofrece á xente na dependencia”, sintetizou a portavoz nacional a un Rueda ao que tamén reprochou o falecemento de 7.095 persoas esperando pola dependencia dende 2017, mentres que o Goberno do PP foi incapaz de ofrecer solucións e mantén un sistema “absolutamente privatizado”, drenando 100 millóns de euros ao ano ás empresas privadas, pese a que teñen a miles de traballadoras en condicións precarias, mesmo con salarios por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
A líder nacionalista tamén recriminou ao presidente da Xunta que o Executivo do PP fora incapaz de construír nin unha soa residencia pública en 16 anos e que manteña o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “colapsado” no que, para acceder, “unha persoa maior ten que esperar a que faleza outra persoa maior”. “Non ten recursos para mellorar o SAF, pero gasta 7.000 euros en publicidade cada día, esa é a súa prioridade”, afeou a Rueda.
Fronte á incapacidade do PP para atender os problemas da dependencia, Pontón presentou as propostas do BNG, que pasan por crear un Sergas dos Servizos Sociais e, no inmediato, por duplicar os equipos de valoración da dependencia “para cumprir a lei” e aumentar de 12 a 20 € hora o financiamento do SAF “para sacar este servizo fundamental do colapso”.
A portavoz do BNG criticou ao titular da Xunta que tratase na súa resposta de converter unha vez máis a sesión de control nunha “lameira” a base de crispación e ataques persoais co fin de eludir o debate de fondo sobre a dependencia ante a evidencia dos “datos oficiais”. “Vostede non quere falar de dependencia porque sabe que os seus plans son pura propaganda e un fracaso”, afeoulle, para incidir a continuación en que tanto o número de solicitantes que están agardando como os tempos de espera continúan subindo e que Galiza está “no ranking das comunidades onde máis se espera”.
Pontón lamentou que Rueda apelase ás “horas libres” dos servizos de dependencia dos concellos cando as entidades locais non teñen os recursos necesarios para financialas. “De que valen as horas libres se non hai financiamento, señor Rueda? Vostede que quere, que as mulleres traballen gratis para coidar as persoas maiores?”, cuestionou ao titular do Executivo, ao que recordou que até os alcaldes e alcaldesas do PP lle están dicindo que teñen un “sistema absolutamente colapsado”.
Respecto das 24 residencias públicas anunciadas por Rueda no recente Debate do Estado da Nación, a líder nacionalista recordou o realizado polo Executivo do PP en 2017 para construír sete residencias nas grandes cidades. “Sabe cantas desas residencias construíu o goberno do Partido Popular? Cero”, recalcou para ironizar a continuación con que o PP pode prometer “24, 40 ou 50” novas residencias porque o papel “aguanta de todo”. É o que definiu como os “anuncios déjà vu” de Rueda, ao que recordou que tamén anunciara en 2021 outro plan de choque para acabar coas listas de espera na dependencia.
A portavoz nacional tamén lembrou aos populares que o BNG sempre defendeu que o Estado debía pagar a súa débeda da dependencia con Galiza, tanto cos gobernos do PSOE como cos do PP. “Saben que facían vostedes aquí? Votar en contra”, recriminou, para afirmar a continuación que ao Partido Popular só se lle acordou que había unha débeda na dependencia “cando a corrupción sacou ao señor Rajoy da Moncloa”.
Neste sentido, recordou que o acordo de investidura do BNG permitiu incrementar nun 138% os fondos que o Estado dá a Galiza en materia de dependencia, algo que “proe moito ao PP”, xa que o BNG desenvolve co Goberno central a negociación que o Goberno de Rueda non fai para mellorar a vida dos galegos e das galegas.
Pontón rematou a súa intervención pedíndolle ao titular da Xunta que abandone a propaganda e traballe para garantir os dereitos das persoas maiores. “As persoas maiores deste País respéctanse cando se respectan os seus dereitos e cando hai miles de persoas que morren agardando por un dereito que teñen recoñecido e vostede non ten nin o máis mínimo comentario, o que está demostrando é que efectivamente lle importa moi pouco o que lle pasa á xente deste País”, concluíu.