Durante a homenaxe a Castelao celebrada hoxe en Rianxo, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reivindicou a figura do intelectual galego como “faro” e “conciencia viva” fronte aos intentos de despolitizalo, e chamou a defender os seus valores en tempos de imperialismo e violacións do dereito internacional. No acto, Pontón fixo unha defensa da soberanía dos pobos e, en concreto, de Galiza, anunciando que o BNG rexeitará calquera proposta de financiamento autonómico que non acabe coa “discriminación histórica” que sufre o país.
Pontón criticou o modelo de financiamento autonómico e á actitude “submisa” de Rueda, ante Madrid. Rexeitou de plano a proposta do goberno do Estado, á que cualificou como un “refrito” do sistema actual, que “lonxe de reducir, aumenta a discriminación de Galiza”. Segundo os datos aportados, Galiza só recibiría o 2,8% dun incremento global de 21.000 millóns de euros, fronte a porcentaxes moito maiores doutras comunidades.
“A proposta do BNG é clara: darlle a Galiza a chave dos seus cartos”, salientou. O Bloque defende un concerto económico que lle permita ao país recadar e xestionar o 100% dos seus recursos, unha facenda propia con capacidade fiscal plena e unha negociación bilateral Galiza-Estado para acadar un financiamento adaptado á súa realidade.
“Non é Galiza quen vive do Estado, senón o Estado quen fai caixa con Galiza”, afirmou, recordando que, entre 2009 e 2021, Galiza acumulou un déficit de 14.000 millóns de euros con este sistema.
“Castelao non é unha figura inmóbil do pasado, é conciencia viva que nos interpela”, declarou Pontón, quen denunciou os intentos de “negar, silenciar e descafeinar” o seu legado. Relembrou que Castelao foi “un nacionalista galego íntegro, republicano, internacionalista, antiimperialista e pacifista”, e que hoxe erguería a voz contra o militarismo, a violación da soberanía dos pobos e en defensa do pobo palestino.
Neste sentido, a líder do BNG condenou a actuación imperialista dos Estados Unidos en Venezuela e o “xenocidio” en Gaza, e advertiu: “Non podemos permitir que o imperialismo de Trump robe o petróleo de Venezuela ou faga negocios nunha Gaza arrasada, porque os seguintes podemos ser nós mesmos”.
Galiza soberana, feminista e solidaria
A portavoz nacional remarcou que, “igual que fixeron Castelao e Bóveda, defendemos unha Galiza soberana tamén no financeiro, porque sen capacidade de decisión financeira non hai capacidade de decisión política”. Fronte ao “discurso acomplexado e falso dun país pobre e dependente” que promove Rueda, o BNG propón un modelo “desde a dignidade e a confianza no potencial” galego.
Pontón finalizou cunha chamada ao optimismo e á mobilización para construír “unha nova Galiza, moderna e próspera, feminista, solidaria e aberta ao mundo”, que sexa “célula de universalidade” e que loite pola paz e a xustiza global. “Cando o mundo avanza cara á violencia, ten máis sentido ca nunca o compromiso a favor da paz e o internacionalismo solidario”, sinalou, comprometendo ao BNG a estar “do lado de todos os pobos do mundo que loitan pola súa liberdade”.