Ana Pontón propón máis axudas ás persoas dependentes, fronte ós recortes do PP nun asunto que afecta ao 22% dos fogares

Encontro dependencia
Encontro dependencia

O Goberno do PP deixou sen gastar 76 M€ tras ter colocado Galiza á cola, ao ser quen menos inviste e máis recortou en dependencia de todo o Estado

Propostas BNG: máis equipos de valoración, axudas para a mobilidade nas vivendas, aumentar a axuda á domicilio e o transporte adaptado, regulara a figura dx asistente persoal

En Galiza hai 300.000 persoas con algún tipo de discapacidade pero, da man do Goberno do PP, é a que menos inviste por persoa dependente coa prestación recoñecida, a segunda en dependencia e unha das que baixou o investimento nesta materia en 2021. Un dato máis: Galiza inviste 596 € por persoa dependente, fronte aos 2.310€ de Euskadi e aos 1.774€ de Estremadura.

En definitiva, o goberno do PP é o que menos inviste e o que máis recorta en dependencia, nun País onde o 21,7% dos fogares teñen algunha persoa en situación de dependencia e a lista de agarda estímase en 13.000 persoas á espera de ser valoradas, condición imprescindible para ter acceso ás axudas, cun tempo estimado que pode chegar ós dous anos.

Esta situación foi analizada pola portavoz nacional, Ana Pontón, cunha ampla representación de colectivos, entidades e sociedades que traballan en dependencia.

“Hai que activar unha axenda de traballo a favor das persoas con discapacidade e deixar atrás o desleixo e a mala xestión do Goberno do PP, empezando pola súa incapacidade para executar o 100% dos recursos, porque resulta impresentable que deixen sen investir 76 M€ cando temos 13.000 persoas en lista de agarda”, denunciou.

O BNG tamén neste tema formula propostas concretas para avanzar nunha axenda da dependencia: incrementar os equipos de valoración para reducir ás esperas e activar as axudas;  ampliar a rede pública para as persoas con discapacidade;  activar medidas para darlle accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida que literalmente “quedan atrapadas” nas súas casas e, neste punto, avanzou que levará ó Parlamento a recuperación das axudas para sufragar as obras de mobilidade nas vivendas e nas comunidades veciñais, como por exemplo a instalación de ascensores.

Axudas que existían pero que foron suprimidas polo Goberno do PP e, igualmente, que se aprobe o decreto de accesibilidade en consenso co sector e co financiamento acaido. Tamén hai que avanzar en conseguir o maior grado de autonomía posible para as persoas con dependencia, -explicou-, con propostas como incrementar as axudas no domicilio, ampliar a rede pública de centros de día, aumentar o transporte adaptado ou regular a figura do/da asistente persoal.

Pontón fixo un recoñecemento explícito das entidades e dos colectivos sociais que traballan no sector da dependencia e que, en gran parte, suplen o que non está facendo a administración pública. “É fundamental que actuemos e que poñamos en marcha unha axenda da dependencia para deixar atrás feitos como que, en plena crise, Galiza estea á cola en atención ós galegos e ás galegas nesta situación”, recalcou.

A líder do Bloque destacou que o financiamento estatal en dependencia é insuficiente, era insuficiente cando en Moncloa goberna Raxoi e agora que goberna Sánchez, pero iso non é motivo para que o presidente da Xunta repita o “argumentario clásico do PP” que consiste en buscar culpables en lugar de aportar solucións ante un problema.

“Que se teñan se gastar 76 M€ en dependencia que atenderían a 13.000 persoas é responsabilidade do Goberno do PP, que nin sequera é capaz de executar os recursos que ten”, insistiu.

Reunión con Rueda

En relación á reunión co presidente da Xunta, -cuxa convocatoria formal aínda non se recibiu no momento do envío desta nota-, Pontón destacou que asistirá tendo en conta que o BNG sempre ten a man tendida para chegar a acordos a favor de Galiza.

Subliñou que irá sen apriorismos subliñando que xa remitiu ó xefe do Executivo un documento que recollía a axenda de temas urxentes: plan de choque de 200 M€ para sacar atención primaria do colapso; paliar o impacto da crise de prezos mobilizando 700 M€, avanzar nun modelo de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna convertendo os sete centros proxectados nas cidades en residencias de xestión pública e reconducir o boom eólico especulativo nun modelo eólico a favor do País, tendo en conta que estamos nun momento de análise de centos de proxectos presentados polas empresas enerxéticas.

En todo caso, destacou, “tanto en aras do rigor como da utilidade, sería interesante que o señor Rueda fixera chegar ao BNG un documento similar coas prioridades ou temas que considere deben ser abordados”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG