Ana Pontón: “O principal problema da industria en Vigo é político e está na confrontación estéril entre Concello e Xunta”

Ana Pontón en Vigo
Ana Pontón en Vigo

A cidade precisa “colaboración, non confrontación” ante os retos de futuro

Propostas BNG: Mesa da automoción e diversificación da actividade, medidas contra a deslocalización, formación profesional para unha industria 4.0 e centro de reparación naval na Ría

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo en Vigo un encontro con delegados sindicais e de comités de empresa de sectores clave como o naval e a automoción, cos que repasou os principais problemas da industria na cidade e comarca.

Ameazas recorrentes, explicou, como a falta de carga de traballo nos estaleiros, a deslocalización de empresas, a falta de planificación para abordar os retos na automoción ou a ausencia de proxectos de calado vinculados aos fondos europeos de recuperación económica.

“Pero a día de hoxe  o principal problema que ten o sector industrial de Vigo é político, o principal problema é a confrontación permanente e estéril entre o alcalde e o presidente da Xunta, o conflito constante entre os máximos responsables de dúas administracións, -Concello e Xunta-, que deberían estar colaborando man a man, con lealdade e con rigor, para revitalizar o sector industrial de Vigo e comarca”, denunciou Pontón.

Unha confrontación, destacou, “que chega ao paroxismo de pelexarse por un izado de bandeiras e, mentres se perde o tempo en batalliñas de bandeiras, quen paga o prezo desta guerra de egos son os vigueses e as viguesas, un prezo moi alto. No caso concreto do sector industrial que nos ocupa, Vigo ten hoxe 7.000 empregos menos que en 2009”, advertiu.

“Vigo necesita cooperación e non confrontación”, subliñou a portavoz do BNG, e necesita propostas a favor da súa industria, “porque cal foi o ultimo gran proxecto industrial que se desenvolveu nesta cidade, cal é o proxecto industrial de Feixóo para a primeira cidade do País?”, interpelou.

Ana Pontón en Vigo Pontón indicou que hai grandes retos de futuro que non poden esperar máis, problemas que coa pandemia non fixeron senón agravarse, e urxe poñer sobre a mesa propostas e alternativas para os sector industrial vigués. Neste sentido, fronte á confrontación inútil, o Bloque ten propostas concretas para a cidade en ámbitos industriais clave como a automoción ou o naval.

No sector da automoción, a formación nacionalista defende unha Mesa da automoción, integrada por todo os axentes implicados e a elaboración dun Plan da automoción que fomente a instalación de novas actividades industriais vinculadas ao sector. Por exemplo, buscar alternativas á planta de baterías, cando todo apunta que se instalará en Barcelona, porque o que non pode facer o Goberno de Feixóo é “cruzase de brazos”.

Tamén, a posta en marcha dun plan de formación profesional que prepare profesionais para a chamada industria 4.0,  con coches de maior valor engadido que veñen da man da transición enerxética; e a tarifa eléctrica galega, para que os recursos enerxéticos de Galiza sirvan para dar competitividade tamén ao sector da automoción.

O BNG tamén pon o foco na deslocalización contra a que é preciso tomar medidas, por exemplo, facilitando solo industrial a prezos competitivos. “Algo se está facendo mal cando Galiza non é un polo de atracción de empresas”, alegou, tendo en conta que este País perdeu 2.000 empregos na automoción, mentres que o norte de Portugal ganou 6.000.

En relación ao sector naval, o BNG pon sobre a mesa dúas propostas,  “sacar do pozo” a Vulcano e Barreras para que estes dous estaleiros teñan continuidade con apoio público e a creación dun centro de reparacións na Ría de Vigo.

Finalmente, os fondos europeos de recuperación deben servir para sentar as bases dun novo modelo económico, verde, sustentable, baseado na ciencia e na investigación e, neste sentido, Vigo ten as  mellores condicións para ser a capital galega da innovación, acollendo un centro de desenvolvemento tecnolóxico e de I+D+i, que sume esforzos de empresa, universidade, Xunta e concello. Na reunión tamén participou o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e as deputadas Carmela González e Alexandra Fernández.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG